O Grupo Municipal Socialista esixirá ao goberno local que garanta o programa de conciliación do Concello ata final de curso
O grupo municipal socialista defenderá no vindeiro pleno ordinario do mes de marzo unha moción para que se manteña o servizo municipal de conciliación laboral e familiar que se vén desenvolvendo nos centros cívicos do concello de Ourense. “Non podemos permitir que se deixen tiradas a máis de 100 familias da cidade que perderían esta axuda coa excusa de que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome non ten partida orzamentaria para manter o programa”, indica a portavoz do PSdeG, Natalia González.
Logo de que a concelleira de Servizos Sociais, Ana Férnandez, respostara na Xunta de Área que non sabe que vai acontecer nos próximos días, cando remata o contrato do servizo que se presta de luns a venres, ás tardes, e tamén os fins de semana; as e os socialistas entenden necesario rexistrar unha iniciativa para que non desapareza un programa que leva máis dunha década funcionando con éxito. “Converteuse xa nun recurso esencial e consolidado para as familias da cidade”, incide a edil.
Neste senso, afirma que é fundamental unha maior dotación económica e a ampliación das prazas existentes, así como o compromiso por parte do alcalde para que se garanta a continuidade do programa ata final de curso.
Lembran as e os socialistas na iniciativa rexistrada que no pasado mes de xullo, xa rexistraron unha iniciativa para a recuperación e ampliación de programas e servizos municipais de promoción laboral e familiar no Concello de Ourense. “Naquel momento motivábase pola supresión de actividades de verán debida á falta de previsión e sensibilidade do executivo do rexedor e polo descontrol, inexecución e desaparición do programa Educocio de apertura de colexios para actividades extraescolares”, tal e como recolle o texto.
Así as cousas, a moción que defenderán o 1 de marzo tamén persegue, entre os seus puntos de acordo, instar ao goberno local a ampliar o orzamento anual e a oferta de prazas e actividades de conciliación laboral e familiar na Rede de Centros Cívicos do Concello de Ourense durante todo o ano (período lectivo e non lectivo como verán, Semana Santa ou Nadal).
“Un dos máis importantes retos para a sociedade actual sen dúbida está a ser o da conciliación laboral e familiar, e dentro del deben tomar partido as propias familias, as empresas e máis que nunca as administracións públicas, obrigadas a adoptar medidas, xestionar servizos e promover recursos para que a conciliación sexa unha realidade para todas, especialmente para aquelas que menos recursos teñen dentro de cada ámbito territorial”, lembra a iniciativa.