O grupo municipal socialista insta á oposición a tomar medidas ante o "caos económico" do Concello de Ourense
O grupo socialista conseguiu que se inste ao goberno municipal a convocar a xunta de voceiras e voceiros para dar conta da situación actual de todas as concesións administrativas que se atopan en precario e que asistan á mesma os técnicos e técnicas responsables de cada área para buscar unha solución urxente. Tamén se respaldou, no pleno extraordinario solicitado polo PSdeG e o BNG, a aprobación do expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) coa máxima prioridade.
Durante a session á que asistiu a corporación esta mañá, a edil María Fernández comezou a súa intervención poñendo énfase no feito de que o Concello de Ourense non dispón de orzamentos actualizados e que iso conleva que os trámites da administración pública sexan “aínda máis lentos do habitual”, que se “incremente a morosidade” e que “actualmente se estea a triplicar o periodo medio de pago a provedores”.
“Non temos liquidación aprobada deste ano, rematou o prazo no mes de marzo, e iso implica que non poidamos valorar canto se gastou, como se gastou ou en que se gastou o ano pasado. Dos últimos datos económicos dos que dispoñemos podemos deducir que estamos en situación de déficit e temos máis de 13 millóns de euros en facturas pendentes de pago”, explicou puntualizando que non se trata só de diñeiro público, senón dun modo de actuar que afecta ao normal funcionamento do Concello e, por correlación, á veciñanza da cidade.
Lembrou, ademais, que o actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o seu equipo optaron por deixar de prestar todos os servizos que consideran que non son competencia propia do ámbito local malia que ata a entrada de Democracia Orensana no executivo si se prestaban. Ao detrimento e desmantelamento dos servizos sociais hai que sumar a inexistencia de políticas de xuventude, de vivenda, de modernización administrativa ou de participación cidadá”, enumerou na súa quenda. E criticou, en relación ao anteriormente exposto, que tampouco hai “unha soa obra das realizadas polo goberno municipal que estea pagada ao completo. Nin sequera as ramplas de Concordia, que se inauguraron hai un ano, están pagadas”, advertiu a edil socialista.
Repasou, así mesmo, todos eses servizos que o Concello debe prestar á cidadanía obrigatoriamente e que se atopan, sen excepción algunha, en precario. “Significa que nos saen moitísimo máis caros; pero o grave non é que paguemos máis, senón que os servizos non se prestan nas condicións en que se deberían prestar. O transporte urbano, por exemplo, hai xa máis dunha década que está en precario e o goberno local mercou uns autobuses que non están preparados para as necesidades das e dos ourensáns nin das liñas. Podemos afirmar con rotundidade que non hai un só veciño ou veciña de Ourense que non resultara afectado polos recortes deste executivo”, afirmou contundente.
Ante o actual panorama da situación económica da Administración pública e as consecuencias que está a padecer a veciñanza pola pésima xestión de Democracia Orensana, a portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González, sinalou que quedou patente, logo de cinco anos gobernando a cidade, que a solución non pasa polo equipo do executivo. “Hai moito tempo que Ourense vive nun clima tóxico que ataca á cohesión social. Coido que é o momento de esixirlle responsabilidade política. A cidade precisa dunha resposta política á altura do dano causado e a resposta está en nós”, exhortou aos grupos do PP e do BNG.
“O que fan e recortar, recortar e recortar en servizos sociais e igualdade mentres gastan en contratos menores a dedo, como nunca antes se fixera, e poñen orquestras por todo o pobo”, lamentou recriminando á edil de DO Tamara Silva que expuxera, para defender as decisións do executivo, “unha empanada de mentiras” con datos e unha realidade que sabe non ser certa.