O grupo provincial do BNG pide á Deputación que desautorice á Xunta ante a privatización da xestión do CAPD

OurenseXa
Consideran "unha falta de respecto e empatía inescusable o desprezo amosado pola conselleira tras non dar resposta ás peticións de reunión realizadas, mesmo por escrito, polas familias da Plataforma ProCAPD Ourense"
María Mangana, Bernardo Varela, Xose Manuel Puga
María Mangana, Bernardo Varela e Xosé Manuel Puga
14 Jan 2025

O grupo provincial do BNG rexistrou a sete de xaneiro de 2025 unha moción para o vindeiro pleno da Deputación de Ourense ante a decisión da Consellería de Política Social, dirixida por Fabiola García, de privatizar a xestión do CAPD de Ourense.

O voceiro nacionalista do BNG na Deputación, Bernardo Varela, manifestou que o grupo provincial do BNG propón aos grupos políticos da Deputación manifestar o seu desacordo e rexeitar como institución a decisión da Consellería de Política Social da Xunta Galicia, que menos dunha semana despois de que o pleno provincial manifestase por unanimidade o apoio á xestión pública directa do CAPD de Ourense, anunciou que a xestión do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense será indirecta, xestionada por unha entidade social e sen ánimo de lucro.

Varela sinalaba que a xestión pública directa do CAPD é un acordo unánime expresado en diferentes plenos da Deputación de Ourense, en concreto no de xaneiro de 2020 e no de decembro de 2024; tamén foi un acordo asinado por todos os partidos políticos en 2016 e sobre todo é o que as familias levan demandando de forma sistemática e organizada para Ourense desde febreiro de 2016. Tamén compre resaltar, dí o voceiro nacionalista, que a xestión directa do CAPD é un acordo xa expresado por diversos concellos de Ourense, por acordo plenario ou declaración institucional, desde o mes de novembro de 2024 a través dunha moción que as familias remitiron aos 92 concellos de Ourense e á Entidade Menor de Berán. Para o BNG na Deputación “a decisión da consellería ademais de desoír ás familias afectadas, desoe un clamor social e un clamor institucional de Ourense”, sinalou o seu voceiro.

“Este clamor social e institucional debe implicar tamén unha xuntanza, que debe ser esixida polo goberno provincial e no menor tempo posíbel, cunha delegación dos portavoces na Deputación, o propio goberno provincial e as familias da plataforma ProCAPD de Ourense coa conselleira de Política Social, Fabiola García”, sinalan. Así se reflexa esta cuestión no segundo dos acordos propostos polo grupo nacionalista na moción rexistrada para o pleno da Deputación deste mes de xaneiro. “Non se poden ignorar as familias e a todas as institucións de Ourense e non dar a máis mínima explicación, menos sen escoitar de primeira man as familias afectadas coas que aínda non tivo a dignidade de reunirse tras varias solicitudes”

Para o BNG a única solución posible a este problema social pasa pola rectificación da decisión da consellería e que o goberno galego asuma os compromisos adquiridos xa hai case unha década coa veciñanza e familias de Ourense. “Esta é a enésima vez na que Ourense queda relegado a unha situación de desigualdade co resto de Galicia, onde sí contan con este servizo” di Varela.

Tras a multitudinaria concentración do pasado xoves 9 de xaneiro ante a delegación da Xunta de Galicia en Ourense, en defensa da xestión pública directa do CAPD, para o BNG queda patente que para a veciñanza non é unha cuestión que o goberno galego poida ignorar. E para as nacionalistas faise máis preciso aínda aclarar se o acordo adoptado por unanimidade no pleno provincial do 20 de decembro de 2024 na defensa dos usuarios e usuarias, das familias e en defensa da cidadanía ourensá segue vixente no ente provincial e se o goberno do PP na Deputación, dirixido por Luís Menor, segue defendendo, como afirmou en dito pleno, “á veciñanza da nosa provincia e sobre todo ás persoas vulnerables, por diante de calquera ideoloxía política” ou se pola contra se plega aos designios do PP na Xunta de Galicia, como semella que aconteceu tras non acudir ningún representante do PP á concentración convocada pola Plataforma ProCAPD.

0.13159894943237