O Grupo Provincial Socialista esixe a mellora dos Servizos de Axuda no Fogar nos concellos ourensáns

OurenseXa
“É un problema que afecta a todos os concellos que prestamos este servizo debido á escaseza de medios económicos, xa que se trata dunha competencia impropia, que tiña que prestar a propia Xunta de Galicia", explican os socialistas
Grupo provincial socialista na Deputación de Ourense
Grupo provincial socialista na Deputación de Ourense
24 sep 2024

O Grupo Provincial Socialista urxe á Deputación de Ourense a esixir do goberno autonómico a “correcta asunción das súas competencias, que inclúen un financiamento acaído coa realidade do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”. “É un problema que afecta a todos os concellos que prestamos este servizo debido á escaseza de medios económicos, xa que se trata dunha competencia impropia, que tiña que prestar a propia Xunta de Galicia, sendo insuficiente a cantidade que esta sufraga aos concellos, atopándose en risco a sustentabilidade dos servizos municipais”, xustifica Aurentino Alonso, deputado provincial socialista.

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense desprazouse ata Vilamartín de Valdeorras para presentar esta moción, que será debatida no vindeiro pleno, onde estiveron acompañados do alcalde do concello, Enrique Álvarez, e da tenente de alcalde e concelleira de cultura, turismo e vivenda, Sherezade Núñez. “Os municipios pequenos, que somos a maioría, sufrimos en primeira persoa a carencia de recursos e o incremento de horas de servizo sen que a Xunta procedese a taxar de xeito acaído os custos, derivando nunha desfeita para os nosos orzamentos, que xa son moi axustados”, destaca a tenente de alcalde de Vilamartín de Valdeorras.

“O máis importante é que se preste o servizo de xeito consecuente, se ben os usuarios están descontentos porque saben que lle corresponden máis horas, non tendo nós capacidade para prestalas por falta de persoal e aportes económicos”, subliña Núñez. Segundo a tenente de alcalde, “a Xunta ten que atender á situación real e subir pertinentemente os aportes para cubrir os custos por hora do SAF e que os concellos poidamos seguir a axudar á veciñanza ser ver minguada a nosa situación”.

Servizo capital para a provincia

“As e os socialistas non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres a Xunta, que ten as competencias, mira cara outro lado, sendo prexudicadas as persoas dependentes”, sentenza Alonso. O SAF preséntase coma un servizo capital en Ourense, que cada vez é máis demandado debido ás particulares condicións socio demográficas da provincia, debendo os municipios asumir importantes cargas, que non cesan de aumentar e hipotecan o seu futuro económico. Hai pequenos concellos do rural para os cales o servizo deveu extremadamente oneroso, superando ao gasto en limpeza viaria e recollida do lixo.

Nalgúns municipios o SAF representa xa un de cada tres euros dispoñibles para gasto corrente. Tal e como explica Alonso, “o desaxuste deriva de que a Xunta aporta aos concellos uns 12 euros por cada hora de servizo por usuario malia que o custo real está por riba dos 20 euros, ao que hai que engadir que non se lle acordan aos concellos as horas de SAF que realmente precisan e as demoras na valoración da dependencia, sendo imperativa a aceleración dos procedementos”.

“E mentres a Xunta non actúa, a Deputación pode contribuír ao mantemento e mellora dun servizo esencial para o benestar social da provincia”, considera o deputado socialista. A iniciativa socialista contempla a posta en marcha de liñas de financiación provincial para o SAF, a dotación de medios aos equipos de valoración de dependencia para reducir as listas de agarda e mellorar a prestación do servizo.

0.18089413642883