O inicio do torneo provincial de baloncesto 3x3 queda adiado pola onda de calor

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O evento programado este 12 de agosto en Viana do Bolo e dirixido ás comarcas de Trives, Viana e Verín, queda aprazado ata o 24 de agosto
presentacion-torneo-baloncesto-3x3-ourense
Imaxe da presentación do torneo
11 Aug 2025

A Deputación de Ourense decidiu aprazar, como medida de precaución ante a onda de calor e as altas temperaturas previstas en toda a provincia, a primeira xornada do torneo 3x3 de baloncesto. O evento, que estaba programado para mañá, 12 de agosto, en Viana do Bolo e dirixido ás comarcas de Trives, Viana e Verín, terá lugar finalmente o sábado 24 de agosto. Nos próximos días anunciarase o novo prazo de inscrición, que se realizará a través da web da Federación Galega de Baloncesto (www.fegaba.com).

O torneo, organizado pola Deputación en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, é gratuíto, popular e aberto a participantes de todas as idades e comarcas. Forma parte do programa de Fomento Deportivo 2025 e busca facilitar a práctica deportiva no rural, fomentar a actividade física e ampliar a oferta lúdica accesible.

A competición desenvolverase en cinco xornadas repartidas polas sedes de Xinzo de Limia, Carballiño, Allariz, Viana do Bolo e O Barco de Valdeorras. A inscrición está aberta a equipos federados e non federados, con prazas limitadas a oito por categoría. Haberá tres categorías por idades: minibasket e preminibasket; infantil e cadete; e júnior e sénior, con equipos masculinos, femininos ou mixtos.

O baloncesto 3x3, que foi olímpico en 2020 e 2024, é considerado o deporte de equipo urbano máis popular do mundo e xógase cunha única canastra e tres xogadores por equipo en pista.

⚙ Configurar cookies
0.19323897361755