O Jiu Jitsu Club Marbel logra catro medallas na Supercopa de España

Este domingo 14 de decembro, cinco integrantes do Jiu Jitsu Club Marbel participaron na Supercopa de España de Jiu Jitsu ‘Comunidad de Madrid’, celebrada no pavillón Francisco Valcárcel de Villaviciosa de Odón (Madrid).
Na categoría absoluta, a parella júnior formada por Lucía Caneiro e Silvia Iglesias debutou con éxito nas modalidades de Dúo Kata e Dúo Show, acadando a medalla de ouro nesta última, que permite un toque creativo na execución das técnicas.
Pola súa banda, nas probas individuais de Luita e Ne Waza, os internacionais Leire Carrera e Rubén Córdoba competiron nas categorías feminina -57 kg e masculina -94 kg, respectivamente. Córdoba logrou a prata en Luita e o bronce en Ne Waza, mentres que Leire conseguiu a prata en Ne Waza. Ademais, Yago-Nguyen Rodríguez participou en Luita -85 kg e finalizou en quinto lugar.
A competición desenvolveuse ao longo de toda a xornada e os competidores estiveron dirixidos polos mestres Felipe Iglesias, seleccionador galego e recente bicampeón mundial de Dúo Kata Máster, e Anita Fernández Moráis.