O Liceo de Ourense organiza este venres un acto polo 75 aniversario de Castelao

OurenseXa
O obxectivo do evento é achegar a figura do autor e intelectual ás novas xeracións
castelao
27 Mar 2025

O Liceo de Ourense conmemorará este venres o 75 aniversario de Castelao, co obxectivo de honrar “a memoria dos seus escritos e dos seus debuxos, cargados dunha profunda mensaxe renovadora, que seguen estando en vigor”.

“É por iso”, explican “que as novas xeracións non poden vivir de costas a personaxes tan ilustres como un escritor que loitou, tanto desde Galicia como desde o exilio, por unha Galicia máis xusta e máis próspera”. “A nosa obriga” sinalan dende o Liceo, “é darllos a coñecer con actos nos que se poidan interesar desde un didáctica apropiada”.

Con este motivo, organizan ás 19.30 deste venres, 31 de marzo, no Salón Nobre do Liceo de Ourense, unha mesa de debate na que se tocarán aspectos como a lingua galega, a arte e a cultura ao redor de Castelao.

Os relatores elixidos pertencen ámbitos moi diversos, o que, explican, vai enriquecer a visión global do escritor. O apartado de Castelao en Ourense será tratado polo académico ourensán, Afonso Vázquez Monxardín, que con Miguel A. Seixas e José Manuel Barbosa, completará a mesa de debate. A mesa será coordinada por José L. Fernández Carniceiro.

O acto contará con moitas sorpresas musicais, sinalan dende a organización. A soprano Mónica Álvarez, acompañada por un coñecido pianista que se anunciará ese día, será a encargada de poñer voz e dinamismo ao evento. Entre as obras interpretará a favorita de Daniel Alfonso Manuel Rodríguez Castelao.

⚙ Configurar cookies
0.16739201545715