O Liceo de Ourense recibe a Medalla de Ouro da Cidade como recoñecemento ao seu legado cultural

O Liceo Recreo Ourensán, unha entidade con 175 anos de historia, foi distinguido este venres coa Medalla de Ouro da Cidade de Ourense, un galardón concedido polo pleno do Concello de Ourense en recoñecemento ao seu importante papel na vida cultural e social da cidade.
Durante o acto de entrega, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou o Liceo como “baluarte da cultura”, subliñando a súa contribución á promoción cultural na provincia. “O Liceo impulsa a cultura en maiúsculas, na que cremos na Deputación como eixo estratéxico das nosas políticas”, afirmou Menor, poñendo de manifesto a estreita colaboración institucional que permitiu manter e mellorar este emblemático espazo.
O edificio que alberga o Liceo, coñecido como o Pazo dos Oca Sarmiento e declarado Ben de Interese Cultural (BIC), foi sinalado por Menor como unha auténtica “xoia patrimonial”. Ademais, resaltou o traballo do equipo directivo, encabezado por Xavier Casares, e o compromiso dos socios, que “permiten dar impulso á cultura ao servizo do cidadán, a cultura que reclama a veciñanza”.
A Deputación de Ourense colaborou economicamente na rehabilitación de espazos clave do edificio, como o claustro da segunda planta, destinado a exposicións, e a Sala de Tertulia, utilizada para actividades culturais e sociais, ademais de realizar melloras na carpintería exterior.
Pola súa banda, alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome cualificou a entrega desta distinción como un “deber de xustiza histórica” cara a “unha entidade privada que se converteu en patrimonio emocional de todos os ourensáns". Nas súas palabras, destacou que o Liceo, desde a súa fundación en 1850, "non foi un club pechado senón unha fiestra aberta pola que entrou a modernidade e o pensamento crítico na nosa cidade”.
Pérez Jácome definiu a institución como "un baluarte de serenidade e de saber facer, e o gran punto de unión da capital", subliñando que se trata dunha entidade que xera consenso e que está "por riba de calquera conxuntura". Dirixíndose ao presidente do Liceo, afirmou que “a medalla que hoxe recibe a entidade leva incrustada a gratitude de xeracións de ourensáns”.
Así mesmo, o rexedor advertiu que esta distinción supón tamén un reto de futuro: “Ourense necesita que o Liceo siga sendo ese motor cultural indomable, receptivo á colaboración coas administracións, como foi sempre, pero mantendo esa esencia independente e plural que o fai único”.
“Ourense é hoxe unha cidade máis digna porque recoñece o valor de quen a fan grande”, aseverou o alcalde, que rematou a súa intervención destacando que “o Liceo foi, é e será sempre o fogar da liberdade e do talento en Ourense”
Coa entrega deste recoñecemento, o Liceo de Ourense recibe a “primeira e maior distinción que pode outorgar o Concello de Ourense”, segundo recolle o seu regulamento oficial de honras e distincións. Esta Medalla de Ouro constitúe a condecoración municipal no seu grao máis elevado.
A súa concesión está reservada estritamente a casos excepcionais de méritos extraordinarios e simboliza o máximo recoñecemento da institución municipal cara a entidades que, como o histórico Liceo de Ourense, teñen prestado servizos de extraordinaria relevancia á cidade.
O Liceo Recreo Ourensán é un referente cultural que organiza máis de 400 actividades anuais e recibe a máis de 50.000 visitantes cada ano na súa sede da rúa Lamas Carvajal, consolidándose como un punto de encontro fundamental para a cultura e o ocio en Ourense.