O lume devasta a provincia de Ourense máis de 40.000 hectáreas calcinadas nunha das peores ondas incendiarias que se lembran

O lume continúa devastando a provincia de Ourense nunha das peores ondas incendiarias que se lembran e que deixa xa máis de 40.000 hectáreas calcinadas.
As autoridades avisan de que a situación é crítica e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior enviou este venres unha alerta aos concellos da provincia, así como a varios da provincia de Lugo, como Quiroga, Ribas de Sil ou Folgoso, pedindo á poboación que evite desprazamentos innecesarios e permaneza nas súas vivendas con portas e xanelas pechadas debido á mala calidade do aire. Piden ademais aos veciños das zonas afectadas que manteñan a calma e sigan as instrucións das autoridades competentes para garantir a súa seguridade.
Máis de 160 persoas foron evacuadas no día de hoxe de forma preventiva en varios núcleos de poboación e as conexións ferroviarias continúan cortadas.
En Chandrexa de Queixa, o lume afecta xa a 16.000 hectáreas, converténdose no incendio máis grande da historia de Galicia desde que hai rexistros.
Ademais, na tarde deste venres 15 de agosto, declarouse un novo foco que afecta aos concellos de Ribadavia e Carballeda de Avia. Polo momento descoñécese a magnitude do lume.
Datos dos incendios activos actualmente:
Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Este xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas
Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie total de 16.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 127 axentes, 143 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 17 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.000 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 10 técnicos, 85 axentes, 126 brigadas, 77 motobombas, 11 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa
Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 10.500 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín e Laza. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 15 técnicos, 48 axentes, 60 brigadas, 44 motobombas, 2 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 10 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas do martes está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 9.000 hectáreas. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 técnicos, 25 axentes, 24 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Activo Vilardevós-Vilar de Cervos
Está activo desde o mércores ás 18.09 horas o incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 13 axentes, 8 brigadas, 10 motobombas, 2 helicópteros e 2 avións.
Activo Vilardevós-Moialde
Na tarde deste xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 18 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 7 avións.
Activo Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Activo desde as 17.41 horas do xoves o incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 2.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Petín, Quiroga e A Rúa. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 36 axentes, 55 brigadas, 40 motobombas, 6 pas, 8 helicópteros e 2 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Carballeda de Avia-Vilar de Condes
Está activo desde as 16:38 horas de onte un incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes que, segundo as últimas estimacións, rolda as 200 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 7 axentes, 14 brigadas, 9 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.
Activo Carballeda de Avia-Carballeda
Activo desde as 18:16 horas de onte venres un incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que supera as 20 hectáreas e está pendente dunha nova estimación de superficie. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 axentes, 4 brigadas, 1 motobomba e 1 pa.
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Controlado Verín-Mourazos
Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes, o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.
Extinguido Seixalbo
Extinguido desde as 00.51 horas da madrugada de hoxe o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas do martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as finalmente afectou unha superficie de 107,79 hectáreas, das cales 77,79 se corresponden con monte raso e as 30 restantes con arborado. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 1 técnico, 19 axentes, 21 brigadas, 12 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.