O mellor Baloncesto Veterano chega a Ourense co 'Torneo DepOUbasKet Másters + 35'
Deputación de Ourense e Federación Galega de Baloncesto achegan a Ourense o Baloncesto Veterano coa organización do “Torneo DepOUbasKet Másters + 35”.
A pista do Pazito, no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, acollerá este sábado, 23 de novembro, a chegada da competición veterana da FEGABA, unha nova plataforma para seguir dando a coñecer a súa firme aposta pola práctica do deporte máis alá dos 35 anos, nun sector de poboación no que o deporte federado está en plena consolidación.
Imprenta CB, Club Pereiro Baloncesto e Almacéns Gamallo AB Xinzo, os tres equipos representantes da provincia de Ourense na actual Liga Masculina de Veteranos FEGABA, serán os principais protagonistas deste “Torneo DepOUbasKet Másters + 35”, contando xunto a eles coa presencia do CD Galogrín, procedente de Santiago de Compostela.
Os catro equipos trasladarán a emoción da competición veterana a Ourense e vivirán unha nova xornada en modo cuadrangular, que se estenderá desde as 11:00 h ata as 19:30 h.
En categoría feminina, representando no seu caso á Liga de veteranas FEGABA, competirán no Torneo un combinado de xogadoras da provincia de Ourense e o CB Val de Lemos. O seu duelo terá lugar en horario de tarde (17:30 horas).
Todos os equipos compartirán pista e xantar de confraternización, remarcando así o auxe do Deporte Veterano en Galicia.
O Baloncesto Galego di NON
O “Torneo DepOUbasket Másters + 35” unirase tamén ás accións simbólicas que a Federación Galega de Baloncesto realizará no marco do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
As xogadoras e xogadores participantes sumaranse ao NON do Baloncesto Galego á violencia de xénero e ao seu compromiso coa erradicación da mesma.