O mellor do Jiu-Jitsu da Coruña e Ourense prepárase para os campionatos autonómico e estatal

O pasado domingo 16 de febreiro, as instalacións do Club Karbo na Coruña acolleron un adestramento organizado polo Departamento de Jiu-Jitsu da Federación Galega de Judo e Deportes Asociados. A sesión foi dirixida polo ourensán Felipe Iglesias, seleccionador galego e membro do Club Marbel, en colaboración cos mestres coruñeses Álex Álvarez e David Pardavila.
O obxectivo principal do encontro foi preparar á selección galega de cara ao próximo Campionato de España. Ademais, serviu como posta a punto para o Campionato Galego, que se disputará o vindeiro domingo en Ourense.
A xornada reuniu numerosos competidores, principalmente das provincias da Coruña e Ourense. En particular, o equipo ourensán estivo composto integramente por membros do Club Marbel.
Segundo Felipe Iglesias, este tipo de concentracións son fundamentais para optimizar o rendemento dos judocas en competicións de alto nivel e fortalecer o traballo en equipo dentro da selección.