O Mestrado en Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo recibe o selo internacional Euro-Inf

A sede da Agencia Nacional de Evaluación y Acreditación (Aneca), en Madrid, acolleu este martes a entrega dos seus selos internacionais de calidade nun acto presidido pola súa presidenta, Pilar Paneque. Entre as titulacións recoñecidas estivo a Universidade de Vigo, que recibiu este distintivo polo seu Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática, impartido na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. No acto estiveron presentes Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Alma Gómez, coordinadora do mestrado.
O Selo Euro-Inf é unha acreditación outorgada pola Aneca e desenvolvida en España coa autorización da European Quality Assurance Network for Informatics Education. Esta certificación garante que un programa de grao ou mestrado en Enxeñaría Informática cumpre cos estándares internacionais de calidade consensuados entre profesionais e académicos do sector.
O mestrado da Universidade de Vigo ten como obxectivo principal “a preparación de profesionais altamente cualificados, capaces de planificar, deseñar, dirixir, coordinar e xestionar proxectos, produtos, procesos e instalacións en todos os ámbitos da Enxeñaría Informática”. Cunha duración de 90 ECTS, impártese en tres cuadrimestres e ofrece tres itinerarios cun alto nivel de inserción laboral: Enxeñaría Informática: Profesión na Práctica (opción dual), Seguridade Informática en Sistemas e Redes, e Desenvolvemento de Grandes Sistemas Software.
Segundo explicou Alma Gómez, a obtención do selo supón pasar “unha avaliación rigorosa por parte dun comité de expertos independentes” designados pola Aneca, que verificaron que se cumpren os requisitos de calidade de Euro-Inf. Gómez destacou que a avaliación “foi positiva sen prescricións, é dicir, non se fixeron recomendacións de mellora do título, o que reforza a idea do nivel de calidade alcanzado na formación que reciben os nosos estudantes”. Para o alumnado, engade, este selo é “un recoñecemento de prestixio no ámbito da informática, o que pode ser beneficioso para a carreira profesional do noso alumnado tanto en España como no resto de Europa”.
A Escola Superior de Enxeñaría Informática xa contaba desde 2019 co selo Euro-Inf para o seu grao en Enxeñaría Informática, ao que agora se suma o do mestrado. Para Gómez, este novo distintivo “tamén referenda o enfoque cara á mellora continua presente en todas as titulacións da Escola Superior de Enxeñaría Informática” e “supón unha garantía para o alumnado de que a titulación que estudan en Ourense está ao nivel doutras universidades europeas”. Ademais, o mestrado vén de obter tamén a avaliación positiva da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) para a súa modalidade dual, que combina formación académica e práctica en empresas.