O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte do campus de Ourense, entre os dez mellores a nivel europeo

OurenseXa
No ránking SportBusiness de 2024, feito público recentemente, este mestrado sitúase sétimo de Europa e 25 do mundo
Alumnos do Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte do campus de Ourense
Alumnos do Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte do campus de Ourense
15 Out 2024

O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, arranca o curso con excelentes resultados tras situarse entre os dez mellores posgraos da súa área a nivel europeo. No ránking SportBusiness de 2024, feito público recentemente, este mestrado sitúase sétimo de Europa e 25 do mundo.

Ademais, o mestrado arrancou este curso con vinte cinco estudantes de once nacionalidades diferentes e con moi diversos perfiles o que, segundo o coordinador to título, Patricio Sánchez, é “unha característica da que nos sentimos moi orgullosos”. “O perfil académico do noso alumnado é cada vez máis heteroxéneo e, polas características propias do deporte, cada vez achégasenos máis xente do mundo do dereito, da educación ou da psicoloxía, tendo este ano incluso un xornalista. Iso si, veñan de onde veñan, a todos lles caracteriza unha ilusión, mesmo paixón, polo deporte, que é o que fai de nexo de unión”, explica.

Sobre o bo posicionamento no ránking, comenta Patricio Sánchez, “é resultado do esforzo e traballo colectivo de moita xente á que non queremos deixar pasar a ocasión de dar as nosas máis expresivas grazas. Profesorado e alumnado son a base do noso traballo e compromiso”. Este traballo colectivo, indica, ten permitido ao mestrado, chegar este curso á edición número 14 cubrindo todas as súas prazas (25) e seguindo aumentando o seu carácter internacional. Así, este curso académico conta con alumnado de, ademais de España, de Brasil, Cuba, Alxeria, Arxentina, Venezuela, Perú, Uruguai, Portugal, Reino Unido e Colombia.

0.33862686157227