O Ministerio de Igualdade destinou 120.000 euros para iniciativas de conciliación do Concello de Pereiro de Aguiar

OurenseXa
Cerca de 150 familias deste concello benefícianse do programa Corresponsables
plan-corresponsables-campamentos-pereiro-de-aguiar
16 Jul 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reafirmou o compromiso do Goberno de España coa igualdade e os coidados, con 120.000 euros para iniciativas de conciliación do Concello do Pereiro de Aguiar, a través do Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade. Así o dixo durante unha visita a un dos campamentos de verán enmarcados no programa, xunto ao alcalde do municipio, Luis Menor.

No CEIP Ben-Cho-Shey, onde transcorren os campamentos municipais, o subdelegado do Goberno explicou que grazas á axuda da que resultou beneficiario o Concello do Pereiro de Aguiar, cerca de 150 familias poden conciliar a súa vida laboral e persoal. “Os coidados teñen que consolidarse como un dereito desde a óptica da igualdade. Ese é un dos obxectivos do Ministerio de Igualdade con este plan pioneiro creado no 2021”, indicou.

Nesta liña, Santos concretou que máis de 65 concellos da provincia de Ourense recibiron 1.532.491 euros este 2025 para desenvolver as súas iniciativas de conciliación, cos fondos repartidos polo Ministerio de Igualdade o ano pasado, dos que 9.331.686,30 euros foron transferidos á Xunta para a execución de diversas liñas de axudas. “Confiamos na cogobernanza e na colaboración coas Comunidades e Cidades Autónomas porque son responsables competenciais de tres eixos do plan: a creación de bolsas de coidado profesional que faciliten a conciliación de familias con fillos menores de 16 anos, o fomento do emprego e a certificación da experiencia profesional de coidado non formal”, destacou.

Ademais, o subdelegado enxalzou a posibilidade que da o Plan Corresponsables para que os nenos e nenas desfruten de actividades no verán de xeito gratuíto. “Este servizo público facilita espazos de educación, de deporte, de ocio creativo, de amizade e de contacto coa natureza. O Pereiro de Aguiar é un exemplo, pero o Goberno de España chega a todos os concellos, tamén do rural, para garantir a igualdade real”, expuxo.

O Plan Corresponsables, que este ano repartiu ás Comunidades e ás Cidades Autónomas máis de 142,5 millóns de euros, é competencia da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, e baséase nun sólido marco xurídico e político: o artigo 44 da Lei Orgánica 3/2007 de igualdade efectiva entre mulleres e homes, o artigo 24 da Carta de Dereitos Fundamentais da UE, as recomendacións da Estratexia Europea de Coidados (2022) e un enfoque de garantía de dereitos universais, independentemente da situación laboral das persoas beneficiarias.

⚙ Configurar cookies
0.16699600219727