O Ministerio de Transición Ecolóxica destina preto de 650.000 euros en axudas a concellos de provincia de Ourense

OurenseXa
O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, destacou o investimento en Ourense, o maior a nivel galego, para dinamizar concellos de menos de 5.000 habitantes
subdelegacion-do-goberno-ourense
Subdelegación do Goberno de Ourense
18 Mar 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, puxo en valor o impulso de 644.016,51 euros acadado por catro municipios de Ourense. Inclúense na liña de axudas do Goberno para promover accións innovadoras de dinamización territorial e combater o despoboamento nos concellos do Reto Demográfico. Eladio Santos actualizou a recente resolución desta convocatoria do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que forma parte da estratexia desenvolvida polo Goberno cara os pequenos concellos.

Eladio Santos exemplificou nestas axudas a aposta do Goberno pola cohesión territorial, de forma que se garantan servizos públicos de calidade ao conxunto da poboación, “sen deixar de traballar por un rural cheo de oportunidades, traballo e futuro”. Grazas a esta resolución, catro concellos do rural ourensán (O Bolo, Parada de Sil, Entrimo e Vilar de Barrio) poderán impulsar proxectos empresariais, de mellora da experiencia turística e de mobilidade sostible nos seus territorios.

Polo miúdo, O Bolo faise con 180.000 euros para iniciativas sostibles municipais, Parada de Sil colleita 104.016,51 euros para melloras no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, Entrimo capta 180.000 euros para innovación en materia de cohesión territorial e Vilar de Barrio poderá executar outros 180.000 euros para afondar na súa innovación económica e turística.

O subdelegado subliñou a importancia deste investimento do Goberno, que dinamiza a activación do territorio a nivel económico, social e medioambiental, con especial atención á perspectiva de xénero e aos colectivos tanto de persoas novas como maiores. “Trátase dun reparto xusto, que garante que toda a cidadanía, e por suposto a que vive no rural, dispoña de todas as oportunidades ao seu alcance”, sinalou Eladio Santos.

Catro proxectos máis en Galicia

O investimento total do Goberno en Galicia ascende a 1.500.752,11 euros. Deixa na provincia de Lugo 311.652 euros e 545.084 euros en Pontevedra.

Por proxectos, o concello de Quiroga recibe 111.690 euros para o seu albergue municipal, o concello de Ribeira de Piquín ingresa 199.962 euros para a dinamización laboral agrícola, o concello da Lama benefíciase de 45.084,60 euros para a súa iniciativa ‘A Lama: un paraíso verde por descubrir’ e, por último, a Deputación Provincial de Pontevedra logra 500.000 euros para orzamentar o programa ‘+MOBE’, de mobilidade sostible e inclusiva nas zonas rurais.

A do 2024 foi a terceira convocatoria destas axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que deixou un total de 19,5 millóns de euros nos pequenos concellos españois. Nas anteriores convocatorias, do 2022 e do 2023, entregáronse ás entidades locais 40,2 millóns de euros, que serviron para financiar 452 proxectos en toda España. A nivel galego, estas subvencións deixaron en Galicia no ano 2023 un total de 1,7 millóns de euros para 20 actuacións.

⚙ Configurar cookies
0.07747483253479