O Mundial VIRTUS 2026 recoñece en Ourense o talento e a superación do atletismo inclusivo

OurenseXa
Luis Menor participou en Expourense na entrega de medallas do Campionato do Mundo de Atletismo en Pista Corta e destacou o valor internacional e social da cita
VIRTUS
8 Mar 2026

O Campionato do Mundo de Atletismo en Pista Corta VIRTUS 2026 viviu este 8 de marzo en Expourense unha das súas imaxes máis simbólicas coa entrega de medallas aos deportistas participantes, nun acto no que estivo presente o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.

A competición reúne na provincia a atletas con discapacidade intelectual chegados de distintos países, convertendo Ourense nun punto de encontro internacional para o deporte inclusivo. Durante a cerimonia, Menor felicitou aos medallistas polos resultados acadados e puxo en valor o exemplo de esforzo, superación e espírito deportivo que representan.

O presidente provincial destacou tamén o significado que ten un campionato destas características máis alá do estritamente competitivo. Na súa intervención, subliñou que esta cita 'é moito máis ca unha competición', ao trasladar unha mensaxe de inclusión, igualdade de oportunidades e defensa dos valores do deporte.

Menor incidiu ademais na capacidade de Ourense para organizar grandes eventos de carácter internacional e sinalou que a celebración deste mundial contribúe a reforzar o posicionamento da provincia como referente do deporte inclusivo. Ao mesmo tempo, engadiu, a cita serve para proxectar a imaxe de Ourense tanto no ámbito deportivo como no social.

0.13621401786804