O Ourense C. F. e a Asociación Deportiva Bosco estreitan a colaboración no deporte base

OurenseXa
Ambos clubes veñen de asinar un convenio para estreitar a colaboración entre ambas entidades, que desenvolven un papel clave no deporte base de Ourense
Sinatura do convenio entre o Ourense Club de Fútbol e a Asociación Deportiva Bosco
10 sep 2024

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu este luns a sinatura dun convenio de colaboración entre o Ourense Club de Fútbol e a Asociación Deportiva Bosco, nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o presidente, Camilo Díaz, e o técnico Dani Portela, do equipo de fútbol, e o director técnico, Sonny Vázquez, e o xerente, Manuel Blanco, da asociación Bosco.

O convenio ten como finalidade estreitar a colaboración entre ambas  entidades, que desenvolven un papel clave no deporte base de Ourense xa que agrupan un milleiro de deportistas entre as diferentes categorías.

O presidente de Ourense C.F., Camilo Díaz explicou que o obxectivo do convenio “é colaborar e sumar o positivo dos dous clubs e intentar mellorar polo ben dos rapaces”. Díaz detallou que Daniel Portela será o coordinador dos dous clubs, “e tratará de ir facendo os equipos, en colaboración cos adestradores, de tal maneira que os nenos de Ourense poidan competir todos e teñan acubillo nos dous equipos”. Pola súa banda, Sony Vázquez afirmou que con esta liña de traballo se pretende “crear unha estrutura un pouquiño máis grande para dar acubillo a máis nenos”, acadar melloras a nivel de estrutura e organización, e que os rapaces “teñan un referente para poder traballar“.

Como coordinador, Daniel Portela manifestou que con esta colaboración quérese “tentar que haxa máis rapaces nos equipos base, que haxa unha sintonía entre os dous clubs e unha mellora en moitos aspectos. Que os rapaces melloren e sobre todo atraer máis xente: cantos máis rapaces en Ourense poidan practicar fútbol, moito mellor”. A este respecto, relatou que “este ano estamos tendo un número bastante alto de rapaces; de feito estamos creando máis equipos, e sobre todo agora coa unión co Bosco tentaremos que sigan aumentando”, e avanzou que no seu papel como coordinador “sobre todo voume basear moito na educación dos rapaces para o futuro”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes Aníbal Pereira declarou que “para o Concello este convenio é unha satisfacción porque este é o futuro do deporte ourensán: xerar sinerxías entre os distintos clubs”. “Este é o noso futuro, axudarnos entre todos”, resumiu Pereira, quen avanzou que desde o Concello “estariamos  moi felices de asinar máis convenios deste tipo e abrimos a porta a que o resto de clubs tamén se entendan desta maneira”.

0.22048187255859