O Ouren Sound 2024 terá que buscar un novo emprazamento
O Concello de Ourense non colaborará coa organización do Ouren Sound Fest. Así o asegurou, o pasado 12 de marzo, durante as Xuntas de Área, a concelleira de Artes e Festexos, en resposta á pregunta do grupo municipal socialista a este respecto. É por iso que Ouren Sound 2024 deberá buscar un novo emprazamento para a súa celebración, que terá lugar os próximos 23, 24 e 25 de maio.
A falta de confirmación oficial, todo apunta a que o novo emprazamento será o Complexo Deportivo de Monterrei, no Concello de Pereiro de Aguiar. Inda que no cartel oficial continúa aparecendo Bemposta como o lugar de celebración, nas redes sociais do festival xa se ven indicando a nova ubicación.
Os socialistas cuestionan a decisión do alcalde
Dende o PSdeG no Concello de Ourense tamén preguntaron no pleno ordinario ao alcalde cal sería o custe de traer a Juan Magán a outro festival de música. Entre 30.000 e 40.000 euros do erario público, segundo dixo o rexedor, destinaranse para o artista. É decir, que o Concello sí colaborará co Outopía Festival, que celebrará a súa primeira edición o vindeiro 27 de abril.
“Preguntámonos cal é o criterio para aportar nun caso e non no outro e que artistas da relevancia e traxectoria de Tanxugueiras, Arde Bogotá ou Sidonie queden sen ninguna axuda da Administración local”, expuxo a edil do PSdeG Cristina Cruz. “Nos 9 anos de vida do festival, o Concello de Ourense só aportou 15.000 euros en 2023 para sacar rédito electoral”, criticou.
Así mesmo, lembrou que o Ouren Sound é unha cita que atrae a unhas 10.000 persoas de media durante os días que se celebra e que iso supón un revulsivo importante para a cidade a nivel económico e a hostalería en xeral. “Non estamos a falar só dos e das asistentes, senón tamén dos entre 200 e 250 postos de traballo que xera para unha promotora ourensá”, subliñou.
A aportación de cartos vai a ser nula, mais tamén o será a axuda loxística e de organización ou transporte urbano que conleva a decisión do goberno de Gonzalo Pérez Jácome”, engadiu a socialista que cualificou como un “erro” máis das políticas de Democracia Orensana en materia cultural.
Ademais do anteriormente mencionado, a non colaboración do Concello de Ourense supuxo tamén o problema engadido para a organización de ter que atopar un emprazamento novo diferente ao de Benposta onde se celebraron as últimas edicións, e que aparecía no propio cartel para a venda de entradas, cun espazo próximo para a acampada.