O Ourense Atletismo gana o Campionato Galego de Clubs Sub20 na categoría feminina

OurenseXa
As rapazas foron tamén subcampioas en Sub16 e os rapaces quedaron terceiros en Sub16 e sextos en Sub20
ourense-atletismo-sub20
Imaxe do Club Ourense Atletismo
20 May 2025

O Ourense Atletismo acadou grandes resultados nos recentes Campionatos Galegos de Clubs. O equipo feminino proclamouse campión na categoría Sub20 e subcampión na Sub16, mentres que os equipos masculinos remataron terceiros en Sub16 e sextos en Sub20, nunhas competicións marcadas pola gran igualdade.

Na categoría Sub16 feminina, o conxunto ourensán terminou na segunda posición con 217 puntos, a tan só catro puntos e medio do Atletismo Feminino Celta. As atletas lograron tres primeiros postos, tres segundos e dous terceiros. As vitorias individuais chegaron da man de Claudia Pérez nos 3.000 metros (11:04.70), Usúe Bernárdez nos 1.500 metros (5:32.69) e Paula Carrión en pértega (3.11 metros).

O equipo masculino Sub16 fixo unha gran remontada pola tarde, finalizando na terceira posición con 128 puntos, a sete do R.C. Celta e con só tres de vantaxe sobre o Sada, que foi cuarto. A nivel individual sumaron unha vitoria, catro segundos postos e tres terceiros. O triunfo foi para Mario Casal en lanzamento de martelo (4 kg), cun mellor intento de 38.96 metros.

Na categoría Sub20, o equipo feminino proclamouse campión con 196 puntos, superando en 30 ao A.F. Celta e amosando así a súa solidez. En total, conseguiron sete vitorias, sete segundos postos e dous terceiros. As primeiras posicións foron para: Icía Ares nos 5.000 metros marcha (26:12.18), Aitana Capeáns en disco (40.29 m), Iria Solera en salto de altura (1.70 m), Sabela Castelo nos 3.000 metros (9:37.38), Rebeca Fernández en pértega (3.00 m), o relevo 4×100 (50.76) e o 4×400 (4:06.34).

Pola súa banda, o equipo masculino Sub20 rematou na sexta posición con 107 puntos, lonxe dos 142 do C.A. Santiago, que ocupou a terceira praza. O equipo viuse lastrado pola descualificación no relevo 4×100. A nivel individual, lograron dúas vitorias, tres segundos postos e un terceiro. As vitorias foron para Hugo Casañas en peso (6 kg), cun lanzamento de 16.46 metros, e para Nicolás Collazo —atleta do filial Xuncas— nos 5.000 metros marcha, cun tempo de 22:26.54.

0.16347002983093