O Ourense CF despídese da Copa do Rei
O Ourense CF despídese da Copa do Rei tras caer ante o Valencia CF por 0-2 nun partido que reuniu a uns 7.000 afeccionados no estadio do Couto.
O extremo dereito do Ourense CF e ex canteirán do Valencia, Alberto Gil, mostrouse orgulloso do traballo do club anfitrión durante o partido. “Foi unha mágoa porque o equipo deu unha boa imaxe”, sinalou. “Creo que hai que estar orgullosos da Copa que fixo o club”, puntualizaba o xogador, que recoñecía que “sabíamos que ía ser un partido complicado e que tiñamos que facer moitas cousas moi ben”.
“Tivemos a mala sorte de marcar un gol en propia meta pero aínda así seguimos competindo e tivemos opcións de empatar”, comentaba, engadindo que “se ese empate chegase creo que as cousas terían cambiado”.
“Nós sabíamos que lles iamos poñer as cousas difíciles”, como quedou patente durante a primeira parte. “Tiñamos moita ilusión”. Sobre o futuro do equipo tras despedirse da Copa do Rei, Gil apunta que “demostrouse que o equipo ten moito corazón e que seguirá na Liga para vivir moitas máis noites como esta”.