O PAI Ourense Sur destinará 7.275.253 euros á transformación dos municipios de Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Barbadás

OurenseXa
O proxecto busca transformar a zona sur da área metropolitana nun territorio máis sostible, mellor conectado e cunha maior calidade de vida
presentacion-pai-ourense-sur
19 Nov 2025

A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do Plan de Actuación Integrado (PAI) Ourense Sur, unha iniciativa estratéxica impulsada xunto cos concellos de Barbadás, San Cibrao das Viñas e O Pereiro de Aguiar. O proxecto, dotado cun investimento de 7.275.253 euros, dos que 4.365.152 proceden de fondos europeos, busca transformar a zona sur da área metropolitana nun territorio máis sostible, mellor conectado e cunha maior calidade de vida. Forma parte ademais dun plan máis amplo que tamén abrangue a comarca de Valdeorras, sumando 14,5 millóns de euros entre ambos programas.

Na presentación participaron o presidente da Deputación de Ourense e alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa, e o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel.

O PAI Ourense Sur estrutúrase como unha folla de ruta comarcal centrada na mobilidade sostible, a cohesión social, a mellora ambiental e a modernización dos espazos urbanos. Entre as actuacións previstas figuran unha nova rede de sendas peonís e ciclistas que conectará espazos verdes e núcleos urbanos, así como a recuperación e integración do río Barbaña, que se converterá nun corredor ecolóxico vertebrador entre os tres municipios.

O plan tamén contempla actuacións de recuperación de espazos naturais e áreas de lecer, a modernización urbana e a creación de novos equipamentos públicos. Ademais inclúe investimentos específicos en cada concello: a humanización do núcleo do Pereiro de Aguiar; un centro interxeracional en San Cibrao das Viñas; a ampliación e mellora do pavillón deportivo de Barbadás; e un novo equipamento cultural no Pereiro. O proxecto incorpora igualmente a rehabilitación dun conxunto histórico no Pereiro destinado a vivendas sociais, así como a implantación de sistemas dixitais para mellorar a xestión municipal.

Eladio Santos subliñou o compromiso estatal “coa transformación urbana e medioambiental” dos concellos da provincia, lembrando que o Plan EDIL, impulsado polo Goberno e xestionado polo Ministerio de Facenda dentro do programa FEDER 2021-2027, permitiu que agrupacións municipais como a encabezada por Barbadás accedan a financiamento europeo por un importe de 4.365.152 euros.

“Unha vez máis, o Goberno de España cumpre con Ourense, con financiamento para desenvolver ideas ambiciosas e xerar oportunidades económicas e de emprego”, afirmou Santos, quen remarcou que a colaboración entre administracións é esencial “para crear municipios modernos e con oportunidades nos que a xente queira quedarse a vivir”.

Este proceso permitiu, por primeira vez, que concellos de menos de 20.000 habitantes accedesen directamente a fondos FEDER mediante áreas funcionais. En total, os proxectos aprobados polo Goberno beneficiarán a 23 municipios da provincia, que captan 22 millóns de euros en investimentos europeos. Entre eles, o Concello de Ourense recibirá 8.730.304 euros, e as agrupacións encabezadas por Verín e O Barco de Valdeorras obterán 4.365.152 euros cada unha.

⚙ Configurar cookies
0.077862977981567