Santo Estevo inaugura o primeiro Punto Violeta da rede de Paradores en Ourense

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou hoxe o compromiso de Paradores na loita contra a violencia machista coa implantación de Puntos Violeta nos seus establecementos de Galicia. “Que unha cadea turística de tal envergadura aposte pola protección das vítimas é unha gran noticia no camiño cara á igualdade entre mulleres e homes”, sinalou.
Santos asistiu á colocación do primeiro Punto Violeta da rede de Paradores en Ourense, situado no Parador de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, acompañado pola xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias.
O subdelegado explicou que esta iniciativa forma parte do compromiso do Goberno de España por achegar as ferramentas de prevención e sensibilización contra a violencia machista a todo o territorio. “Os Paradores da provincia están en zonas rurais, o que supón achegar a rede de protección ás mulleres a lugares aos que ás veces resulta máis difícil chegar”, apuntou.
Santos agradeceu a implicación da presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, polo seu compromiso coa igualdade e coa loita contra “un problema estrutural que require a concienciación de toda a sociedade”. Engadiu que “estes establecementos únicos, en edificios históricos e enclaves emblemáticos, son agora tamén lugares seguros para as mulleres”.
A Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense foi a encargada de impartir a formación específica ao persoal de Paradores de toda Galicia, que xa está preparado para responder ante calquera petición de auxilio ou solicitude de información.
Para iso, distribuíronse materiais como a Guía Punto Violeta para actuar fronte á violencia machista, distintivos identificativos, folletos informativos e carteis cun código QR vinculado á guía, que indican que o espazo é un lugar seguro para as vítimas.
O subdelegado destacou tamén a ampliación da rede de Puntos Violeta na provincia, que xa está operativa en distintos servizos públicos como o SEPE, o INSS, a Axencia Tributaria, o Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar, a Comandancia da Garda Civil e a Subdelegación do Goberno en Ourense.