O Partido Popular denuncia a paralización do plan de poda do Concello
Despois das reunións de xunta de área que se desenvolveron esta mañá no Concello de Ourense, o Grupo Municipal Popular quere denunciar a paralización que o grupo de goberno está a facer en actuacións fundamentais, como o plan de poda. “Levamos dende outubro instando ao goberno local para que acometa un plan de poda en toda cidade de maneira inminente, estamos en marzo e seguimos sen resposta”, denuncian os populares.
“Por poñer algún exemplo, as árbores do barrio de Covadonga levan anos sen ser podadas, nas Lagoas, os veciños da rúa Luis Trabazos, están fartos de solicitar a poda, tamén os veciños da rúa Río Mao”, explican dende o Partido Popular.
Advirten tamén que “lamentablemente moitas árbores se están a converter nun problema de seguridade viaria e un risco por esa falta de mantemento”. Unha realidade que esta mesma mañá se demostrou nas propias Xuntas de Área: “Hoxe enterámonos que se van a talar dúas árbores no Parque de San Lázaro por risco de caída”, explica o concelleiro do Grupo Municipal, Jorge Pumar. “Unha situación que se dá por non revisar o estado a masa árborea con periodicidade”, engade.
Nesta mesma liña, aproveitando a intervención, o popular instou ao grupo de goberno a rehabilitar tamén o parque infantil do Parque de San Lázaro, “está nun estado moi deteriorado cando é un dos parques máis concorridos da cidade”.
Por outra banda, a portavoz dos populares, Sonia Ogando, reiterou “a urxencia de sacar adiante a ordenanza de ruídos porque é transversal para aprobar tamén o Pepou” e denunciou que “leva máis de dous anos no mesmo caixón”. “Unha parálise máis na que ten sumerxirda o alcalde a nosa cidade”, conclúe a portavoz.