O Partido Popular solicita a retirada da ordenanza de veladores do Concello de Ourense

OurenseXa
O Partido Popular reclamará maior consenso entre a cidadanía para aprobar a ordenanza de veladores á vista das alegacións presentadas ao proxecto.
Veladores_Concello_Ourense_ordenanza Grande
26 Jan 2024

O Grupo Municipal Popular solicitou esta mañá, na Comisión de Pleno, a retirada da ordenanza de veladores do Concello de Ourense ao considerar que é preciso un maior consenso coa cidadania.

“Nós somos coherentes coa nosa postura e antes de que se debata no pleno, levamos tempo dicindo que é preciso acadar un maior consenso entre a cidadanía”, explica a portavoz dos populares, Sonia Ogando. “Por iso, estamos seguros de que a mellor opción é a retirada”, indica a concelleira.

Para os populares o máis urxente é “un diálogo entre veciños e hostaleiros que permita conciliar os seus dereitos, intereses e expectativas”, destaca a portavoz. Unha acción que, tal e como entenden, lle corresponde ao goberno local. “Levar a pleno a ordenanza de veladores no estado no que se atopa a día de hoxe non garante o consenso entre a cidadanía nin dá seguridade xurídica aos hostaleiros e ao resto de colectivos”, adianta Sonia Ogando.

Por último, o Grupo Municipal Popular reitera que “a aprobación da ordenanza de veladores ten que ir da man doutras medidas, como a aprobación da ordenanza de ruídos que iniciou o Partido Popular no 2019 e deixou moi avanzada e que continúa gardada nun caixón a día de hoxe”, conclúe a concelleira.

A nova ordenanza permitiría aos hostaleiros colocar o número de veladores que estimen oportuno según o espacio asignado, incluíndo a posibilidade de que os mesmos poidan colocarse pegados ás fachadas dos edificios. Ademais, outra das propostas máis controvertidas a este respecto é  que a nova normativa permitiría que o espazo das terrazas ocupe o mesmo que o do interior dos locais.

0.15988898277283