O Paseo dos Amieiros contará cunha pista multideporte ao aire libre

OurenseXa
As obras contarán cun orzamento de 83.621 euros
Obras-pista-multideporte-1300x975
Obras da pista multideporte no Paseo de Amieiros
20 Mar 2024

O Paseo dos Amieiros da Valenzá, unha zona en constante crecemento de poboación, contará cunha pista multideporte ao aire libre. As instalacións, cunha superficie de 832 metros cadrados, ofrecerán á mocidade un espazo de ocio seguro e comunicado coa zona verde do paseo fluvial.

As obras, cun orzamento de 83.621 euros, avanzan a bo ritmo e hoxe mesmo procedeuse a cubrir con formigón. A actuación permitirá á mocidade practicar deporte sen ocasionar molestias ao resto dos cidadáns, xa que as instalacións presentan unhas características adecuadas dende o punto de vista da seguridade e da idoneidade das estruturas.

Tal e como se especifica no proxecto, á pista multideporte accederase dende o Paseo dos Amieiros e nesta construirase unha cancha de baloncesto 3×3 e un circuíto de calistenia. O espazo deportivo configurarase coas dimensións de 29×15 metros, coa instalacións de dúas porterías. Sinalizarase a pista para a práctica de diferentes deportes.

A cancha de baloncesto ocupará 15×15 metros, coa instalación de 3 canastras e cumprirá coas medidas regulamentarias de 3×3. O circuíto de calistenia estará composto por unha estrutura que permitirá adestramentos de forza baseados en exercicios que empregan o propio peso corporal. Ademais disporase dunha zona de sombra natural con bancos para o descanso.

A tenente de alcalde, Victoria Morenza, subliña a relevancia desta actuación, “que supón habilitar nunha zona verde un lugar para o ocio deportivo que xa viña reclamando a mocidade de Barbadás dende hai tempo”. Morenza explica que se trata dunha zona moi accesible, nun fermoso entorno ao carón do río e con espazos para o aparcamento.

0.19964599609375