O Pazo Paco Paz albergará o vindeiro 22 de xuño o '3x3 DepOUrense'
Grazas á colaboración directa entre a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Baloncesto, o Pazo Paco Paz albergará o vindeiro 22 de xuño o '3x3 DepOUrense'. Trátase dun evento que combinará a xornada de competición con actividades lúdicas, coa música e as artes urbanas como aliadas perfectas desta práctica deportiva. Ademais, contará tamén cun marcado compoñente saudable: todos os participantes gozarán de froita fresca e auga, e poderán realizar doazóns de sangue na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue do Sergas que estará instalada no exterior do Paco Paz.
Os equipos interesados poderán anotarse ata o vindeiro 20 de xuño e a inscrición será libre e gratuita.
O “3x3 DepOUrense” está aberto á participación de todas as idades. Así, sobre a pista central do Paco Paz e na súa pista auxiliar poranse en xogo as categorías desde "premini" ata sénior, incluíndo unha categoría +45 e outra familiar, abrindo a posibilidade a todas as idades de gozar dos atractivos do baloncesto en formato 3x3.
Aínda que de que o carácter competitivo non é o principal compoñente deste evento, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados, un premio especial para os campións en cada categoría e un recordo para todos os participantes, así como outras sorpresas a través de concursos e agasallos.
O deporte de equipo urbano número 1 do mundo
O baloncesto 3x3 é o deporte de equipo urbano número 1 do mundo. Trátase dunha modalidade que se xoga nunha única canastra e consta de tres xogadores por equipo. Está impulsado pola FIBA e xa se disputou en certames oficiais internacionais, como nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
Se ben este xogo xa existía con anterioridade, a FIBA regulamentouno e creou campionatos internacionais para o mesmo. De feito, desde 2012 dispútase a Copa Mundial FIBA de Baloncesto 3x3.