O Pereiro de Aguiar estrea unha 'Gran Porta' de acceso á Ribeira Sacra cunha intervención artística e nova sinalización

OurenseXa
A actuación, impulsada polo Concello e Turismo de Galicia cun investimento de 100.000 euros, incorpora unha escultura de Xosé Cid dedicada a San Martiño Dumiense e suma un mural de Mon Devane e a recuperación dunha obra de Virxilio
O PEREIRO estatua
3 Jan 2026

O Pereiro de Aguiar presentou esta semana a transformación integral dunha das súas principais entradas, concibida como unha 'porta' monumental á Ribeira Sacra. O acto contou coa participación do alcalde, Luis Menor, acompañado por veciñanza e membros da corporación, xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

A intervención enmárcase nun proxecto de sinalización turística e embelecemento apoiado pola Xunta, cun investimento de 100.000 euros, co que se busca reforzar a proxección do municipio como acceso natural desde a capital ourensá a un destino que aspira ao recoñecemento como Patrimonio Mundial.

O elemento central é unha escultura en bronce sobre base de granito, obra do escultor Xosé Cid, que representa a San Martiño Dumiense e reivindica a vinculación histórica co monacato na zona. Segundo se explicou durante a presentación, a peza remite á figura de Frei Martiño de Dumio e ao episodio no que o rei suevo Carriarico o chamou no ano 556, considerado un impulso simbólico da 'Ribeira Sacra Histórica'.

Xunto á escultura, o proxecto completouse cunha aposta pola arte pública: un mural de gran formato do artista urbano Mon Devane, cunha alegoría da Ribeira Sacra, e a recuperación e restauración dun mural realizado por Virxilio nos anos 90.

No plano funcional, executáronse melloras na contorna da Rotonda da Derrasa e accesos próximos, con nova sinalización direccional, colocación de tótems informativos e outros elementos destinados a reforzar a seguridade e facilitar a orientación das persoas visitantes.

Durante o acto, Turismo de Galicia situou esta actuación como parte da planificación dun destino como a Ribeira Sacra, que en 2025 rexistrou máis de 170.000 viaxeiros, segundo destacou Merelles.

⚙ Configurar cookies
0.08151388168335