O persoal de COASA protesta ás portas do VI Congreso internacional Aeronáutico e Espacial

OurenseXa
A totalidade do persoal de fábrica da empresa aeronáutica ourensá secundou a folga que este venres coincide coa celebración dun congreso internacional do sector
Traballadores de COASA maniféstanse ás portas do Auditorio Municipal de Ourense
14 Xuño 2024

A totalidade do persoal de fábrica da empresa aeronáutica ourensá COASA secundou este loves o primeiro dos dous días de folga convocados ante o bloqueo por parte da dirección das negociacións da plataforma anexa ao convenio colectivo, que mellora lixeiramente as condicións de traballo. O paro de 24 horas continua este venres 14 de xuño, xornada na que os traballadore e traballadoras están a mobilizarse diante do Auditorio Municipal coincidindo coa celebración do VI Congreso internacional Aeronáutico e Espacial.

Segundo detallan dende a representación sindical da CIG na compañía con sede no Parque Tecnolóxico de Galiza, en San Cibrao das Viñas, na folga participaron os 265 operarios e operarias de produción e arredor da metade do cadro técnico, integrado por unhas 80 persoas.

O paro seguiu adiante despois de que os traballadores e traballadoras rexeitasen en votación o preacordo entre a maioría do comité (5 representantes da CGT e 2 da UGT dun total de 13) e a dirección. Un total de 183 persoas votaron en contra, fronte ás 123 que se amosaron favorábeis ao pacto. Tamén se rexistraron 6 votos en branco e 2 nulos.

As convocatorias de folga poderían estenderse a todos os martes e xoves de xuño se a empresa non recapacita, “xa que levamos en conversas dende novembro e Coasa non fai máis que dilatar as negociacións facendo ofertas moi distantes ás nosas propostas”.

0.14171004295349