O persoal do sector bancario volverá á folga este venres para esixir melloras laborais
Mañá venres ten lugar unha nova xornada de folga do sector bancario. Tras a histórica xornada de folga conxunta do pasado 26 de febreiro en todo o ámbito financeiro, logrouse un acordo no sector do aforro, pero a patronal da banca mantense na mesma postura inmobilista, denuncia CCOO.
CCOO insta as cúpulas directivas do sector, que bateu todas as súas marcas de beneficios, a reverteren os seus aumentos de soldos e reparticións de dividendos para, con iso, incrementaren de maneira xusta os salarios do persoal. Neste sentido, o sindicato lembra que o beneficio xerado por cada persoa traballadora no sector financeiro en España pasou de 86.045 euros a 155.172 euros en só dous anos.
Comisións reclama reducir a carga laboral e a presión comercial, así como dotar os centros de traballo do persoal axeitado para dar un servizo de calidade.
As manifestacións terán lugar en A Coruña, Lugo, Vigo e en Ourense, diante da sede do BBVA da rúa do Paseo entre as 11.00 e as 12.00 horas da mañá.