O Plan CooperOu mobiliza máis de 300.000 euros en colaborar con proxectos dos concellos
A Xunta de Goberno da Deputación acordou aprobar un total de 302.541,74 euros destinados a colaborar cos concellos da provincia en determinados proxectos e obras.
Concretamente, o Concello de Beariz percibirá unha axuda de 60.000 euros para cofinanciar o velorio municipal. No que atinxe ao Concello de Celanova, a achega será de 46.541,74 euros para a ampliación e sectorización na rede de abastecemento en Sampil. Para a reforma da cuberta e acondicionamento de fachadas da Casa de Cultura serán os 48.000 euros concedidos ao Concello de Maside, idéntica cantidade que percibirá o Concello de Petín para construír o paseo de prolongación do Malecón. Calvos de Randín recibirá unha axuda de 40.000 euros para mellorar as beirarrúas na capitalidade municipal e, por último, o Concello de Pontedeva percibirá unha achega de 60.000 euros para obras consistentes na división dunha nave en diferentes locais.
Por último, a Xunta de Goberno provincial aprobou o cambio de uso solicitado polo Concello de Toén para os fondos asignados a través do Plan CooperOU, que ascenden este ano a 148.101,2 euros. Así, as obras nas que se investirá esta cantidade serán as seguintes: Novo campo de fútbol de herba artificial (29.256 euros); mellora das instalacións das piscinas municipais (28.500 euros); continuación de beirarrúas no núcleo de San Pedro de Moreiras (48.000 euros); e mellora do firme na Alcouzada, en Trelle (42.345,20 euros).