O Plan Provincial de Lectura 2025 facturou máis de 281.000 euros en bonos canxeados

A Deputación de Ourense acaba de rematar a campaña 2025 do Plan Provincial de Lectura cun balance positivo que, segundo a institución provincial, confirma o éxito desta iniciativa destinada a fomentar a lectura entre os máis novos e apoiar o comercio cultural local, especialmente as librarías da provincia.
Durante a campaña, 36.800 menores censados participaron no programa, xerando un total de 18.743 bonos, dos cales se canxearon finalmente 15.963. Rexistráronse 1.717 incidencias, todas resoltas adecuadamente.
En canto ao aspecto económico, o Plan alcanzou unha facturación de 281.115,05 euros en bonos canxeados, quedando un remanente de 68.884,95 euros, o que reflicte un alto grao de execución do programa.
Nesta edición participaron un total de 57 librarías de 14 concellos, todas elas lograron canxear bonos, o que evidencia, segundo destacan desde o organismo provincial, o impacto territorial e a consolidación do plan como unha ferramenta eficaz para promover a lectura e fortalecer o tecido cultural e comercial local.
Desde a Deputación valoran moi positivamente esta edición, que reafirma o papel das librarías como espazos chave para o acceso á cultura na provincia.