O Pleno aproba desbloquear as obras do paso inferior de Ramón Puga e o paso superior de Tarascón

No pleno extraordinario celebrado esta mañá, as concelleiras do grupo municipal do PSdeG votaron a favor do convenio que permitirá levar a cabo as obras do paso inferior na vía de Ramón Puga e do paso superior en Tarascón, proxectos que cualificaron como “demandas históricas”.
Durante a sesión, a portavoz do grupo socialista, Natalia González Benéitez, afirmou que “o noso voto non pode ser outro que a favor deste convenio, de desbloquear por fin as obras, e en contra das falsas acusacións e da manipulación que, lamentablemente, é moi habitual neste Salón de Plenos”.
González explicou que o expediente cumpría con todos os requisitos legais e que os créditos estaban dispoñibles, detallando que “o goberno municipal terá que desembolsar o 50% e a parte restante virá do executivo de España”.
En referencia ás críticas sobre os supostos impedimentos do Goberno central, a portavoz socialista defendeu que “non é certo que estas obras sufrisen impedimentos por parte do Goberno de Pedro Sánchez” e destacou que o Executivo estatal foi “o máis inversor na nosa cidade” durante os últimos sete anos, mencionando proxectos como a variante norte ou o complexo cultural de San Francisco, aos que asistiu o propio alcalde Jácome.
Ademais, denunciou a actitude do PP local, que recentemente se desprazou a Tarascón “para facerse unha foto coa veciñanza e afirmar que toda a culpa era de Pedro Sánchez”, sen saber que o expediente estaba pendente de aprobación no Concello para poder licitar as obras. González sinalou que isto implica “empregar aos e ás veciñas para sacar rédito político” e “promover a desinformación e atribuírse non se sabe moi ben que mérito”.
Concluíu reafirmando que o seu grupo apoiará o convenio para “desbloquear por fin as obras” e criticando as “falsas acusacións e a manipulación” que, segundo dixo, “é moi habitual neste Salón de Plenos”.