O pleno levanta o reparo técnico que estaba a bloquear os pagamentos a centos de traballadores do Concello

O persoal do Concello de Ourense poderá cobrar as súas nóminas despois de que o pleno municipal aprobase por unanimidade, nunha sesión extraordinaria celebrada este xoves, a retirada dun reparo técnico que impedía efectuar os pagamentos. A convocatoria realizouse con carácter urxente ante a imposibilidade de aboar os salarios do mes.
A incidencia afectaba a máis de 700 traballadores municipais e tiña a súa orixe nunha obxección presentada pola Viceintervención. En concreto, o reparo estaba relacionado coa retribución da responsable de Xestión Económica Orzamentaria, unha situación que acabou paralizando toda a tramitación das nóminas.
A discrepancia xorde pola interpretación do posto que debe ocupar esta empregada tras obter praza como técnica de Intervención no proceso de estabilización. Desde a Viceintervención considérase que debe percibir o salario correspondente a esa praza, aínda que na actualidade desempeñe outras funcións asignadas de maneira provisional polo Concello.