O Pleno de Barbadás aproba por unanimidade unha moción sobre o mantemento da unidade post-covid en Ourense

O Pleno de Barbadás aprobou este mes de maio por unanimidade unha moción conxunta do PSdeG e DO solicitando o mantemento da Unidade Multidisciplinar post-covid na provincia de Ourense. Ademais, tamén de forma unánime, o pleno aprobou a ordenanza número 17 reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, aloxamento, manutención e entrega de animais (cans e gatos) que se atopen extraviados ou abandonados na vía pública.
Por outro lado, quedaron tamén aprobadas as dúas mocións levadas ao Pleno polos populares, unha relativa ao financiamento dedicado á mellora da atención e integración á poboación migrante en Barbadás, e outra sobre o financiamento do sistema de atención á dependencia en Barbadás. Ambas saíron adiante grazas ao apoio do BNG e pese á abstención do PSOE, DO e Partido Galego.
Por último, o pleno sacou adiante unha moción sobre a situación actual do Complexo Hospitalario de Ourense e das instalacións do Materno-Infantil, que contou co voto favorable de todos os grupos agás o PP.