O pleno de Celanova respalda propostas sobre transporte escolar e fisioterapia presentadas polo BNG

O BNG levou ao pleno municipal de Celanova un paquete de iniciativas centradas no medio rural, na sanidade pública, na protección do patrimonio e na seguridade escolar, dúas das cales —as relativas ás paradas do bus escolar e ao reforzo do servizo de fisioterapia— foron aprobadas por unanimidade pola corporación.
As propostas foron defendidas pola portavoz municipal do Bloque, Ernesta Seoane, quen enmarcou as mocións na necesidade de dar resposta a “problemas reais do día a día da xente, desde quen vive do agro ata as familias que agardan coas crianzas baixo a chuvia ou as persoas maiores que levan meses esperando por rehabilitación”.
En materia de transporte escolar, o pleno respaldou a iniciativa para mellorar a parada situada na contorna do xulgado, que contempla a instalación dunha marquesiña ou espazo cuberto e a adopción de solucións provisionais mentres non se executen as obras definitivas. A portavoz do BNG subliñou que “non é de recibo que nenos e nenas teñan que esperar á intemperie en pleno inverno”.
Tamén recibiu o apoio unánime a moción para reforzar o servizo de fisioterapia do centro de saúde de Celanova. Segundo explicou Seoane, a situación actual caracterízase por “axendas saturadas, listas de espera e un único profesional para atender unha poboación ampla e moi envellecida”. Neste sentido, defendeu a ampliación do servizo coa incorporación de máis persoal e a apertura en horario de tarde, lembrando que “A Atención Primaria é a primeira liña de defensa do sistema sanitario e un dereito básico da cidadanía”.
Pola contra, non prosperaron as iniciativas relativas ao sector agrogandeiro e ao patrimonio cultural. No primeiro caso, o BNG defendeu unha moción de apoio ao campo galego fronte aos efectos do acordo UE-MERCOSUR e aos recortes da Política Agraria Común, así como medidas para garantir prezos xustos e reducir a burocracia. “As persoas que se están a mobilizar non precisan mans polo lombo nin falsas promesas; precisan decisións políticas claras que defendan o noso rural”, afirmou Seoane. A proposta foi rexeitada co voto en contra do PSOE e a abstención do PP e de Celanova Decide.
Tampouco saíu adiante a moción contra a modificación da Lei do patrimonio cultural de Galiza promovida pola Xunta. O BNG advertiu de que a reforma supón trasladar competencias aos concellos sen os medios necesarios. “Están trasladando responsabilidades impropias ás administracións locais, sen recursos, o que pode provocar disparidade de criterios e unha maior desprotección do noso patrimonio”, sinalou a portavoz. A iniciativa contou unicamente co apoio do Bloque.
Desde o BNG valoraron de forma positiva o respaldo unánime ás medidas de carácter social e sanitario e reiteraron o seu compromiso de seguir presentando propostas centradas nas necesidades cotiás da veciñanza.