O Pleno do Concello de Ourense expresa o apoio de todos os grupos políticos ao persoal de Hispamoldes
O Concello de Ourense, por acordo de todos os grupos políticos con representación municipal, expresou o seu apoio ao persoal da empresa Hispamoldes e a todo o persoal das empresas auxiliares da automoción que desenvolven a súa actividade na área industrial da cidade. Foi a través dunha declaración institucional á que deu lectura a concelleira de Promoción económica, Tamara Silva, no transcurso da sesión ordinaria do pleno que se desenvolveu esta mañá.
A declaración, aprobada por todos os grupos, pon de manifesto que o Concello de Ourense “participa da inquedanza e o temor dos traballadores e das traballadoras polo futuro deste sector, e quere darlle voz a este colectivo, facendo un chamamento ás administracións con competencias na materia, principalmente á Xunta de Galicia e ao Goberno de España, e demandarlles a súa máxima implicación para axudar a solucionar a crise que afecta a estas industrias e garantir, deste xeito, a permanencia de todas estas empresas e dos seus postos de traballo na área industrial de Ourense”.