O Pleno do Concello saca adiante a iniciativa para instar á Xunta a manter o canon que os concellos pagan a Sogama

OurenseXa
A moción socialista saiu adiante cos votos a favor do BNG e Democracia Ourensana
Pleno ordinario do Concello de Ourense de agosto de 2024
2 Ago 2024

O pleno do Concello de Ourense vén de aprobar (cos votos a favor de BNG e DO) instar á Xunta de Galicia a que manteña o canon actual imposto ao concellos adscritos a Sogama, entre os que se atopa o de Ourense, e que o executivo autonómico deixe de cargar con competencias impropias aos municipios. “Entendemos que é inxusto que a veciñanza vexa aumentada a súa factura por que o executivo autonómico non asuma as súas responsabilidades”, afirmou a edil do PSdeG responsable de defender a moción presentada polo grupo socialista María Fernández Ojea.

Así mesmo, subliñou que “a escusa para a suba do prezo é unha lei estatal”, pero que “no ano 2018 houbo unha directiva europea coa que se tentaba atopar un crecemento medioambiental sostible que se traduciu nunha trasposición de dita lei estatal”. E explicou que “o que están a facer dende o goberno é cumprir coas ordes europeas e o que está a facer a Xunta é refusar as súas competencias”.

Pola súa banda, a edil do PSdeG Alba Iglesias insistiu en que dita lei, que vén regular o imposto á xestión de residuos, grava a incineración e o depósito en vertedoiro por ser as formas medioambientalmente menos recomendables e na actualidade as preferentes de Sogama (incineración 60%; vertedoiro 21%), o que a obriga a ter que asumir o imposto ao non ter mudado a forma de procesalos. “Resulta absurdo seguir cun sistema que consiste en mover os residuos dun lado a outro xerando unha pegada de carbono inasumible; debemos apostar por plantas de proximidade. Esta decisión de aumentar o canon e moi desacertada”, expuxo.

Conseguiuse tamén na sesión ordinaria plenaria de agosto o respaldo de toda a oposición (PP e BNG) para aprobar a iniciativa do PSOE para que o Concello de Ourense conte cunha programación cultural durante o que resta deste verán e que se prolongue no tempo. A portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González, destacou que “non é un xuizo de valor, é unha obviedade” que nos últimos anos nin a veciñanza nin o turismo que recala na cidade non contou con esta opción.

“Festas nos barrios houbo sempre o que pasa que agora presumen de colaborar institucionalmente para subir ao alcalde de pregoeiro a todos os escenarios mentres veta a un ilustre veciño como é o xornalista Pepe González”, criticou sobre a xestión do goberno local nesta materia. E rematou incidindo en que “a terceira cidade de Galicia merece unha programación estival con festivais ou teatro”.

 

0.17662405967712