O Pleno rexeita a modificación de crédito de 2,5 millóns de euros para a compra de novos autobuses

O pleno extraordinario celebrado este martes no Concello de Ourense rexeitou a proposta do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (DO), de aprobar unha modificación de crédito por valor de 2,5 millóns de euros destinada á compra de sete novos autobuses urbanos. A iniciativa non saíu adiante ao contar co voto en contra de PP, PSdeG e BNG.
Durante o debate, o grupo socialista criticou con dureza a proposta. A edil Alba Iglesias acusou ao goberno municipal de actuar con “populismo acelerado” e reprochou que a implantación do autobús urbano gratuíto se estea levando a cabo sen un plan técnico sólido. Iglesias lamentou que o servizo continúe “en precario” desde 2015 e censurou que, no canto de impulsar un contrato estable e modernizado, o executivo recorra “ás improvisacións e ás compras soltas”.
A socialista advertiu de que a gratuidade, mal planificada, podería agravar os problemas do servizo, xa que considra que “pode xerar máis aglomeracións, máis retrasos e máis queixas”. Tamén puxo en dúbida a necesidade dos sete vehículos propostos e criticou a falta de informes: “Non hai unha memoria económica completa nin un cálculo público do custo anual. É anunciar algo sen saber canto custa”.
Iglesias concluíu que votar en contra desta modificación “é apostar por un transporte público serio, digno e planificado”, e advertiu de que o enfoque do goberno local podería rematar afastando a cidadanía do uso do autobús.
APROBADOS 30.000 EUROS PARA MELLORAS DEPORTIVAS
A diferenza da proposta dos autobuses, o pleno si aprobou unha segunda modificación de crédito, nesta ocasión por importe de 300.000 euros, destinada ao Consello Municipal de Deportes (CMD) para mellorar instalacións deportivas da cidade. A iniciativa contou co apoio de PSdeG e DO, mentres que PP e BNG optaron pola abstención.
A concelleira socialista María Fernández xustificou o voto favorable asegurando que é necesario resolver “eivas evidentes” nas instalacións actuais, aínda que pediu máis ambición ao CMD. Considerou que Ourense reúne condicións para aspirar a proxectos de maior alcance, como unha posible cidade deportiva se o municipio contase cun PXOM actualizado.
Fernández tamén instou ao organismo deportivo municipal a impulsar políticas máis amplas, centradas en promover hábitos saudables, fomentar a práctica deportiva e aumentar a presenza feminina en espazos de responsabilidade e visibilidade, salientando que “hai mulleres e nenas en todas as disciplinas que poden acompañalos nas presentacións e na toma de decisión”.