O PP alerta de que a provincia de Ourense será a máis afectada polo “desmantelamento” de Muface
Os deputados e senadores do Partido Popular de Ourense denuncian o grave impacto que tería a desaparición de MUFACE na sanidade galega e na provincia de Ourense. Para os representantes do PP, o Goberno de Pedro Sánchez non pode trasladar a súa incapacidade para xestionar MUFACE ás comunidades autónomas.
Os populares alertan de que a provincia de Ourense será a máis afectada polo desmantelamento do modelo. Segundo os datos aportados, o incremento das listas de espera alcanzará 14 días en consultas externas e 16 días en cirurxía, un impacto moi superior á media galega. Ademais, a integración de mutualistas no Sergas suporá un coste de 169 millóns de euros anuais, nun sistema xa sobrecargado pola falta de persoal médico.
Os deputados e senadores cualifican de “ineptitude” a falta de transparencia do Goberno central, que ata agora non ofreceu alternativas claras nin unha folla de ruta para garantir a asistencia sanitaria dos mutualistas. “Ao Goberno de Sánchez semella que lle dá igual a saúde das persoas. A estes pacientes non podemos deixalos tirados, a transición sanitaria non pode ser sen ningún tipo de planificación. Hai que garantir a continuidade asistencial dos mutualistas, pero con orde e sentido común”.
Os populares destacan que este problema vén de lonxe e que o Goberno central coñecía á perfección as consecuencias negativas do novo concerto. “O Goberno de Sánchez mirou cara outro lado ante os avisos de aseguradoras e mutualistas e agora deixa os problemas na man das comunidades autónomas. En Galicia non estamos dispostos a asumir a mala xestión do Goberno central e esiximos responsabilidades e, sobre todo, solucións reais”.
Os parlamentarios populares de Ourense anuncian que continuarán traballando xunto a sindicatos e afectados para defender a continuidade de MUFACE e evitar o impacto no sistema sanitario. Rexistráronse case 80 preguntas parlamentarias e solicitouse a comparecencia de Óscar López e Mónica García para que expliquen que medidas se adoptarán para resolver esta crise.
“A destrución de MUFACE atenta directamente contra os cidadáns, condenándoos á inseguridade, a falta de saúde e benestar. Este é un desastre sanitario sen precedentes e dende o PP non imos permitir o colapso sanitario nin que o Goberno central deixe tiradas ás comunidades”, conclúen os populares.