O PP alerta de que os tres treitos pendentes da variante exterior poderían non executarse

OurenseXa
Advirten de que, como alternativa, "Adif estaría a elaborar un proxecto de desdobramento da actual liña convencional
via-tren-ourense
13 Mar 2025

Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, rexistraron no Congreso unha pregunta dirixida ao Goberno na que expresaban a súa preocupación ante unhas informacións "extendidas nos foros ferroviarios", que dicían que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible (MITMS) e Adif Alta Velocidade, tomaran a decisión de non licitar e, en consecuencia, non executar os tres treitos que están pendentes da Variante Exterior Ferroviaria de Ourense, a saber: Conexión Seixalbo-Seixalbo (0,83 km); Seixalbo-Túnel de Montealegre (3,96 km) e Túnel de Montealegre-Estación de Ourense (3,63 km).

Segundo estas informacións, explican os populares, como alternativa, estarían a elaborar un proxecto de desdobramento da actual liña convencional, de modo que se chegaría á estación de Ourense polo "sinuoso" percorrido actual no que se instalou de forma provisional un terceiro fío de alta velocidade a Ourense.

Feitos que, para o PP, de confirmarse "serían de enorme gravidade, un agravio enorme a Galicia e moi en especial a Ourense, e é por iso moi urxente que tanto o MITMS como Adif-AV desmintan oficialmente de inmediato este rumor e confirmen que, tal e como está comprometido, licitarán en 2025 as obras dos tres novos treitos antes citados que por certo xa teñen os proxectos de construción redactados".

Os populares denuncian que o Goberno "vénse negando a dar unha explicación convincente de cales son as razóns polas que estes proxectos xa redactados precisan un novo contrato para adaptalos á forte suba do prezo dos materiais e á aprobación da última normativa de obrigado cumprimento". Pero, para o PP, "Adif-AV é un ente supertecnificado, con medios informáticos de primeira que proporcionan a actualización de prezos en liña e que non é necesario licitar ningún novo contrato".

Por iso, insisten en que "é imprescindible construír os tres treitos pendentes da Variante Exterior, pois doutro modo a LAV quedaría cun tramo de trazado sinuoso de 8 km e de vía única mixta, entrando na estación ademais en curva. Ademais, é fundamental para completar o trazado con dobre vía na totalidade da LAV e asegurar a súa fiabilidade, pois de non ser así calquera incidencia ou avaría nunha vía única suporía o corte do acceso ferroviario entre Galicia e Madrid".

Ademais, lembran que o recente informe da patronal das obras públicas, SEOPAN, "Análise do Investimento Prioritario en Infraestruturas en España", cualifica a Variante de Ourense como unha prioridade e que "A inversión total estimada por Adif para toda a infraestrutura é de 564 millóns de euros, que terá un beneficio social asociado de 1.111 millóns calculados a 30 anos".

Os populares móstranse "preocupados" tras a resposta do Goberno a estes prantexamentos, xa que, denuncian, "non desminte de forma oficial as informacións que están a circular de que non se van executar os tres treitos pendentes da variante exterior". Ademais, din, "non se dá explicación algunha sobre as razóns polas que Adif-AV di que debe realizar un novo contrato para revisar a normativa de seguridade e prezos dos proxectos", así como "tampouco se confirma unha data de licitación das obras deses tres treitos pendentes por parte do Ministerio de Transportes e de Adif-AV".

A resposta gobernamental, explican, tan só se refire a que en 2025 continuará coa execución das obras dos dous treitos entre Taboadela e Conexión Seixalbo, algo que, para o PP, resulta "obvio".

En definitiva, sentencian, "estamos ante unha falta de respecto aos cidadáns aos que representamos, que teñen dereito a recibir información transparente e veraz. Non silencio e ocultación".

Lembran que "é fundamental completar o trazado con dobre vía na totalidade da liña para asegurar a súa fiabilidade, pois de non ser así calquera incidencia ou avaría suporía o corte do acceso ferroviario", e aseguran que non van consentir "que a LAV a Galicia quede cun tramo de trazado sinuoso de 8 km e de vía única mixta desde Seixalbo ata a estación de Ourense".

⚙ Configurar cookies
0.17713904380798