O PP celebrou a última Xunta Directiva provincial do ano co foco posto nas municipais de 2027

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, presidiu este mércores a última convocatoria do ano da Xunta Directiva provincial, na que fixo balance da actividade orgánica e política da formación.
No encontro aprobáronse dúas novas xestoras correspondentes ás agrupacións locais do Irixo, que terá como presidente a Álvaro Penedo, e Montederramo, que liderará Eladio Fernández Gómez, e que se suman ás de Barbadás, Xinzo de Limia, O Carballiño, Allariz, Ourense, Taboadela, Amoeiro, Verín, Celanova e, Maceda, cun total de doce xestoras en marcha.
O obxectivo deste órganos é “manter a actividade do partido e unir e fortalecer a agrupación local”, subliñou Menor, que fixo balance dun 2025 que cualificou como “de intenso traballo, obxectivos ben definidos e como única opción de confianza para os ourensáns”. Este traballo interno, engadiu, viuse reforzado coa celebración neste ano de 22 congresos locais, cifra que na súa totalidade alcanza as 24 agrupacións actualizadas.
Menor puxo o foco nas eleccións municipais de 2027 con tres obxectivos clave para partido: recuperar a maioría absoluta na Deputación, superar as 54 alcaldías gobernadas polo PP, e ser decisivos no Concello de Ourense.
O presidente provincial fixo repaso da actividade política, salientando a recuperación da alcaldía de Manzaneda por parte do seu partido. Porén, dixo “arrebatáronnos Viana do Bolo e, máis recentemente, dixemos basta en Ramirás”. Citou ademais Carballiño, cun pacto que suporá que o Partido Popular tome o relevo na alcaldía en maio de 2026, a garantía de gobernabilidade en Xinzo de Limia, a estabilidade no Irixo, “e a exemplaridade dos relevos de alcaldes en Esgos e Xunqueira de Espadanedo”.
No nacional, puxo en valor o recoñecemento ao PP de Ourense polo traballo e os resultados electorais conseguidos nas autonómicas e europeas do pasado ano, que se traduciu na elección de Luis Menor como membro do Comité Executivo Nacional, a incorporación á Xunta Directiva Nacional da vicepresidenta, Marta Novoa, en calidade de alcaldesa de San Cibrao das Viñas; e os nomeamentos de Antonio Rodríguez Miranda como coordinador do PP no Exterior, Ana Vázquez como secretaria de Interior, e Rosa Quintana como responsable da política pesqueira do PP.
O presidente provincial tamén alertou da posible convocatoria de eleccións xerais diante do que segundo el é un “escenario nacional irrespirable e un goberno imposible”, e amosou o seu total apoio a Alberto Núñez Feijóo como posible candidato á presidencia.