O PP consolida o seu pacto con Democracia Ourensana logo de poñer fin á moción de censura
A sesión plenaria do Concello de Ourense de este venres, 5 de xullo, arrancaba co pano de fondo do fracaso da moción de censura proposta polos socialistas ourensáns, logo de que o PP decidira poñer fin ás negociacións, revalidando o pacto que mantén desde 2016 con partido liderado por Gonzalo Pérez Jácome.
Así, os populares confirmaban durante a sesión a continuación do denominado "Pacto da Alameda" tras acordar levantar o seu veto á contratación do alumeado de Nadal de 2024/2025 a cambio do compromiso do Concello de pagar as facturas pendentes aos provedores e funcionarios municipais.
Fai apenas un mes que a cuestión das luces de Nadal chegaba ao pleno extraordinario de xuño. Sen embargo, o propio alcalde decidía retirar a cuestión do debate para sometela a modificacións. Algo que, sen embargo, desde o PSOE aseguran que non se fixo e fai unhas semanas advertían da posibilidade de que existira un “pacto oculto” con algúns membros do PP para facilitar que saíra adiante.
O certo é que fai tan só un mes, cando aínda estaba sobre a mesa a posibilidade de que as negociacións para unha posible moción de censura saíran adiante, desde o PP aseguraban que consideraban incríbel "que estando sen pagar o alumeado do ano anterior, a prioridade sexa un novo contrato”, e preguntábanse ademais “por que non se prorrogou o do 2023-2024 cando podía facerse" e como o alcalde pretendía, unha vez máis, "que os grupos da oposición levanten os reparos da súa mala xestión". Así, acusaban a alcalde de facer unha mala xestión "antepoñendo este expediente á aprobación duns orzamentos, a licitación das concesións en precario, o pagamento das nóminas, a prestación dos servizos sociais, etc."
Hoxe, sen embargo, o PP decidiu levantar o veto a cambio de que o Concello de Ourense "pague por fin os 11 millóns de euros que lle debe a provedores e aos funcionarios municipais que levan sen cobrar a súa nómina íntegra desde febreiro".