O PP critica no Senado os “incumprimentos” do Goberno coas infraestruturas de Ourense

O senador do PP por Ourense, Francisco Fernández, cargou duramente contra o Goberno central, ao que acusa de amosar un “escandaloso desinterese” e unha “falta continua de compromiso” coas infraestruturas da provincia. Así o manifestou tras defender unha moción do Grupo Parlamentario Popular que foi aprobada esta semana na Comisión de Despoboamento e Reto Demográfico do Senado, malia o voto en contra do PSOE.
Fernández xustificou a iniciativa sinalando os “innumerables incumprimentos” do Executivo de Pedro Sánchez en ámbitos clave como o ferrocarril, a rede viaria, as telecomunicacións e o medio ambiente. Na súa intervención, lamentou que nin sequera as demandas conxuntas de alcaldes do PP e do PSOE conseguiran avances concretos. Como exemplo, mencionou o rexeitamento do Goberno a realizar un estudo de viabilidade para a reforma da estrada N-541 entre O Carballiño e Pontevedra, desestimada por “non ser prioritaria”.
Críticas ao estado do ferrocarril e das estradas
No ámbito ferroviario, Fernández puxo o foco na falta de avances na variante exterior de Ourense. Segundo explicou, o Goberno recoñeceu ter os proxectos redactados, pero sen previsión concreta de licitación nin execución. “E para cando o resto?”, preguntou o senador popular.
Así mesmo, criticou que Lugo siga sendo a única capital de provincia sen conexión de Alta Velocidade, e que o enlace proxectado entre Ourense e Lugo non superará os 160 km/h, o que cualificou como “tren de velocidade alta” en lugar dun AVE real.
Tamén lamentou a falta de avances na estación de mercadorías prometida para o polígono de San Cibrao das Viñas, aprobada por unanimidade no Congreso, así como a situación da futura estación de RENFE na cidade de Ourense, onde apenas comezaron as obras. Fernández denunciou que o Goberno nin sequera aceptase instalar unha marquesiña provisional para resgardar a usuarios e taxistas das condicións climáticas extremas.
O senador popular tamén denunciou o “lamentable” estado de conservación das estradas da provincia, con especial mención á autovía A-56, cuxas partidas orzamentarias de 5,15 e 12,3 millóns anunciadas pola exministra Raquel Sánchez “ficaron en nada”. Do mesmo xeito, criticou a falta de mantemento da N-120 entre Ourense e Lugo, unha vía que, asegura, non cumpre cos estándares mínimos de calidade e seguridade. “Perdoen o que vou dicir, como dicimos en galego: é unha ‘corredoira’ que fabrica coches para o desguace”, ironizou.
Tamén mencionou as promesas incumpridas en materia medioambiental, como a construción da nova sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o saneamento do río Barbaña e a ampliación da planta de tratamento de San Cibrao das Viñas.
Fernández cualificou de “deplorable” a situación das telecomunicacións na provincia, lembrando que máis de 2.000 fogares ourensáns están excluídos dos servizos de internet por decisión das operadoras. Esta situación, argumentou, demostra a “nula vontade” do Goberno para evitar o despoboamento nas zonas rurais.
Como contrapunto, o senador destacou a recente aprobación no Concello de Leiro —do que é alcalde— das bases para adxudicar a xestión do balneario da Entidade Local Menor de Berán. Un proxecto impulsado co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, que segundo Fernández “servirá para fixar poboación e atraer turismo”.
Por último, criticou a ausencia da senadora do BNG no debate parlamentario, a pesar de que —segundo as súas palabras— “éncheselles a boca falando da defensa do rural e da loita contra o despoboamento, pero hoxe non están aquí”.