O PP de Barbadás pide a dimisión de Valcárcel e esixe a convocatoria inmediata dun pleno

OurenseXa
Consideran insuficientes as respostas dadas polo alcalde de Barbadás e alertan da delicada situación na que queda a corporación municipal
xose-carlos-valcarcel
Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás
17 Dec 2025

O PP de Barbadás, así como a dirección provincial, valoran como “insuficiente e inaceptable” a resposta dos socialistas tras coñecerse unha denuncia por presunto acoso laboral a unha militante do PSdeG por parte do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e piden a dimisión inmediata do rexedor, así como a súa renuncia á acta de concelleiro, e consecuentemente á de deputado provincial, asumindo, din, as responsabilidades políticas que se derivan desta denuncia.

Critican a resposta dada polo alcalde, que nega os feitos e deuse de baixa como militante do partido, a cal consideran insuficiente, “sen dar explicacións claras, detalladas e públicas sobre os feitos que se lle imputan”. Por iso, esixen a convocatoria inmediata dun pleno extraordinario e urxente, no que o alcalde dea explicacións públicas, directas e completas ante a Corporación municipal ante a veciñanza.

Ademais, emprazan aos dirixentes socialistas da provincia a que esixan de inmediato a renuncias de Xosé Carlos Valcárcel ás súas atas de representación pública. Os populares critican con dureza as declaracións feitas esta mañá por parte do Secretario provincial, Álvaro Vila, que aseguraba que a situación do goberno municipal “é secundaria”. Consideran que os feitos son de especial gravidade e que, ao afectar directamente ao máximo responsable do Concello de Barbadás, xeran “alarma e fonda preocupación entre a veciñanza, ao tempo que deterioran a confianza na institución municipal”, e alertan da situación de “ingobernabilidade” na que vai quedar a Corporación local, logo de que o rexedor anunciara que abandonaba a militancia socialista, pero non a alcaldía.

Unha preocupación que os populares trasladan tamén á Deputación de Ourense, onde ata este martes Xosé Carlos Valcárcel ocupaba un escano nas filas socialistas e que, agora, pasará aos non adscritos, xa que tamén anunciou a súa intención de manter a acta como representante provincial.

Ademais, din dende o PP, a denuncia prodúcese nun contexto especialmente sensible, marcado por outros casos coñecidos no seo do PSOE, e cando o propio alcalde de Barbadás asinou manifestos esixindo responsabilidades noutros supostos semellantes, o que para o PP “incrementa a necesidade de coherencia, transparencia e exemplaridade”.

Con todo, dende o PP manteñen a súa defensa da presunción de inocencia, pero esixen ao partido e a Xosé Carlos Valcárcel unha explicación clara respecto dos feitos dos que se lle acusan, e reiteran o seu compromiso “coa defensa da dignidade das persoas, coa tolerancia cero ante calquera tipo de acoso e coa necesidade de que as institucións públicas sexan espazos de exemplaridade, transparencia e confianza cidadá, así como o noso respecto a cantas persoas sufran calquera tipo de acoso”.

⚙ Configurar cookies
0.082125902175903