O PP de Barbadás pide a dimisión do alcalde logo de coñecer que o Goberno central non prevé ningún cuartel no concello

OurenseXa
Os populares forzan un pleno extraordinario previsto para o 21 de marzo ante o que consideran unha “nefasta xestión desenvolvida para a apertura dun posto da Garda Civil”, e pedirán o cese do rexedor
Pleno do concello de Barbadás
Pleno do Concello de Barbadás
12 Mar 2025

A Corporación municipal de Barbadás celebrará o próximo día 21 un pleno extraordinario solicitado polo grupo municipal do Partido Popular, que esixirá a dimisión do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, “pola nefasta xestión desenvolvida para a apertura dun posto da Garda Civil”, logo de coñecer que o Goberno central non prevé ningún cuartel no concello pese á inseguridade que denuncia a veciñanza.

Os concelleiros populares critican “a incapacidade do alcalde para adoptar medidas que poñan freo a inseguridade que se vive no municipio, de modo especial na Valenzá”. Neste sentido lembran que o alcalde prometeu na campaña electoral das municipais de 2023 que negociaría a apertura dun acuartelamento para garantir a seguridade da veciñanza, promesa que, sinalan, vén mantendo desde entón mesmo nos plenos.

Nunha resposta ao deputados do PP no Congreso o 29 de marzo de 2023, o Goberno central xa dicía textualmente que “no se contempla la construcción de un nuevo acuartelamiento en la localidad de Barbadás”. Unha resposta que repite o pasado 3 de marzo, afirmando o Goberno de Sánchez que “non ten prevista” a apertura de ningún posto da Garda Civil.

Con estas respostas, inciden os populares de Barbadás, “demóstrase que o alcalde non só é quen de xestionar medidas para aumentar a seguridade dos habitantes do concello, senón que ademais minte á veciñanza, á corporación municipal e aos medios de comunicación sobre esas negociacións”.

Ante esta situación, o PP solicitou un pleno extraordinario, convocado para as 9.30 horas do día 21 de marzo, no que se esixirá ao alcalde que informe sobre todos os trámites realizados desde principios de 2023 ata a actualidade para a apertura do mencionado acuartelamento, así como a información que teña sobre esta cuestión.

Como segundo punto da orde do día, os populares instarán aos grupos municipais a que pidan a dimisión do alcalde.

⚙ Configurar cookies
0.17571187019348