O PP de Barbadás reafirma a súa continuidade na oposición e pide respectar a presunción de inocencia

A xestora do PP de Barbadás celebrou este domingo unha reunión extraordinaria convocada polo seu presidente, José Manuel Freire Couto, para analizar a situación política actual do municipio tras as acusacións por presunto acoso laboral por parte do alcalde, Xosé Carlos. No encontro participaron tamén o presidente provincial do partido, Luis Menor, e a secretaria xeral, Sandra Quintas.
Tras a reunión, o Partido Popular trasladou publicamente o seu apoio “total e sen matices ás persoas que poidan ser vítimas de acoso laboral ou de calquera outro tipo”, amosando a súa solidariedade con quen atravesa este tipo de situacións.
Ao mesmo tempo, a formación insistiu na necesidade de respectar o principio constitucional de presunción de inocencia, que, segundo sinalaron, debe amparar a calquera cidadán mentres non exista unha resolución xudicial firme, incluído o alcalde denunciado.
Desde o PP de Barbadás reiteraron ademais que a súa posición política non variou e que continúan exercendo o seu labor desde a oposición, tal e como determinaron os resultados das últimas eleccións municipais. Neste sentido, aseguraron que seguirán defendendo os intereses xerais da veciñanza de Barbadás e amosáronse abertos ao diálogo co resto das forzas políticas.