O PP de Ourense amósase escéptico co "Pacto da Concordia” proposto polo PSOE
Os socialistas ourensáns informaban este martes da presentación dunha proposta formal alternativa ao governo de Gonzalo Pérez Jácome e hacían un chamamento ao BNG e ao PP para iniciar as conversas e suscribir o chamado Pacto da Concordia, "14 compromisos irrenunciables para rematar coa parálise, o desmantelamento dos servizos públicos e o colapso económico e funcional que padecen o Concello e a cidade".
Sen embargo, desde o PP critican que "enviar un correo electrónico para, instantes despois, remitir aos medios de comunicación a proposta, mesmo xa con documentos de traballo, non semella a mellor fórmula para contactar cos grupos municipais da oposición".
O Partido Popular considera que a fórmula máis axeitada de contacto para iniciar unha rolda de conversas sería mediante unha comunicación particular e un primeiro contacto evitando o “espectáculo mediático” xerado con esta invitación pública.
O Partido Popular acudirá á cita proposta polo PSOE
Desde un primeiro momento, o Partido Popular manifestou non ter nin liñas vermellas nin persoas ou formacións políticas coas que non quixera sentarse a falar.
De igual modo, entendern que "todo o mundo debería estar disposto a falar co PP. Por iso sempre se mantivo que, no caso de haber unha invitación a falar, actuaríase en consecuencia".
"O PP sempre está disposto a escoitar e só actúa cun dobre filtro: apoiar aquelas iniciativas que se leven a cabo en termos absolutos de legalidade e sempre que sexan beneficiosas para a cidade e a cidadanía" sinalan nun comunicado.
En todo caso, afirman que é absolutamente necesario que á reunión proposta acudan as tres forzas políticas que representan á oposición no Concello de Ourense. "No caso de se rexistrar algunha ausencia calquera conversa neste escenario sería inútil".
Mellor negociar propostas que non subscribir propostas por adiantado
Os 14 puntos incluídos no documento que os socialistas definen como “Pacto da Concordia” son propostas xerais, sobre as que o PP xa se manifestou de acordo en máis dunha ocasión e a iniciativa propia.
Non obstante, a invitación a manter unha primeira conversa non debería incluír, a xuízo do PP, o condicionante de “subscribir os nosos compromisos”, tal e como sinala literalmente o correo electrónico enviado ao grupo municipal do Partido Popular.
"Calquera conversa debería principiar deixando a porta aberta á análise, ao debate e á presentación de propostas por parte de todos os grupos políticos e sen ningún tipo de proposta unilateral pechada, como semella neste caso", sentencian desde o PP.