O PP de Ourense asegura que a reparación da Avenida de Zamora arrancará cando mellore o tempo

OurenseXa
Tras as acusacións vertidas desde o Concello, os populares aseguran que as obras de reparación xa estaban previstas e que se viron paralizadas polas malas condicións climatolóxicas
fochancas_avenida_zamora
Avenida de Zamora, Ourense
3 Abr 2024

A urxente reparación das deficiencias da avenida de Zamora é unha actuación que, tal e como explica o Partido Popular da cidade, xa estaba prevista, pero a choiva constante impediu a súa reparación e danou aínda máis o estado dese tramo.

Dende o PP local aclaran tamén que desde hai tempo estaba previsto facer unha reparación dun tramo amplo no mes de agosto, e a maiores contémplase facer unha reparación máis urxente dos 40 metros máis danados mediante un contrato menor.

As explicacións veñen logo das acusacións vertidas no día de onte polo Concello de Ourense, onde o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, solicitaba a urxente reparación das múltiples deficiencias que presenta a Avenida de Zamora, da que é titular a Administración autonómica.

Jácome avanzaba que ía remitir unha petición “para que repare de inmediato o malísimo estado no que se atopa a rúa”, con múltiples deficiencias que poñen en perigo a seguridade viaria. O rexedor subliñou que esta céntrica rúa da cidade “leva anos de descoido, ten unhas fochancas tremendas e un aspecto terceiromundista”. Por estes motivos, dixo, “faremos as instancias pertinentes de forma urxente, xa se fixo moitas veces e non fixeron caso e volveremos facelo unha vez máis”, e aseguraba que o Goberno Municipal valora tamén levar o asunto ao pleno ou mesmo trasladar esta demanda ao Parlamento da Xunta de Galicia.

Dende o PP de Ourense deféndense destas acusación e aseguran que este tema xa foi abordado en xunta de área do Concello a iniciativa do Grupo Municipal do PP no mes de febreiro.

Neste senso, os populares piden a goberno de Jácome que "ocupe o seu tempo en asuntos que realmente están sen solucionar, como o servizo do Comedor Sobre Rodas, un servizo que xa non está en funcionamento pola falta de planificación do alcalde e que está a afectar aos maiores máis vulnerables da cidade"

0.19905495643616