O PP de Ourense denuncia o desmantelamento da seguridade na provincia

OurenseXa
Os populares acusan ao Goberno da "supresión constante dos servizos da Garda Civil"
pp_provincia_ourense
A secretaria da xestora provincial e alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, cos rexedores de Lobios e Lobeira, María del Carmen Yáñez e Antonio Iglesias, e o concelleiro de Muíños, Benito Rodríguez Alonso
16 Abr 2024

O Partido Popular de Ourense alerta sobre o desmantelamento da seguridade na provincia de Ourense. Por este motivo, a secretaria da xestora provincial e alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, compareceu esta mañá cos rexedores de Lobios e Lobeira, María del Carmen Yáñez e Antonio Iglesias, respectivamente, así como concelleiro de Muíños, Benito Rodríguez Alonso. Todos eles manifestaron o seu enérxico rexeitamento ás medidas que está a adoptar o Goberno de España respecto á seguridade, sobre todo no que atinxe ao rural.

“Desde o Partido Popular de Ourense defendemos a presenza da Garda Civil en cada recuncho da nosa provincia e esixímoslle ao Goberno de España que cese o desmantelamento da seguridade dos ourensáns”, afirmou Quintas. Os representantes populares esixiron a presenza da Garda Civil en cada un dos pobos como provincia eminentemente rural, destacando que “o coñecemento da Garda Civil do terreo e da sociedade da que forman parte é o mellor expoñente para garantir a seguridade nestas zonas despoboadas”.

Por elo, o PP presentará en cada concello da provincia, así como na Deputación, unha moción “defendendo a seguridade dos nosos veciños do mesmo xeito que o resto de españois porque non imos tolerar máis ataques e discriminacións do Goberno de España cara Ourense”.

Así, Sandra Quintas detallou diversas medidas adoptadas polo executivo central como a supresión da unidade de Fronteiras e Fiscal de Lobios, “obrigando ao traslado de 6 familias e deixando sen ese servizo á comarca da Baixa Limia, unha das zonas ourensás con máis quilómetros de fronteira con Portugal, producindo un agravio máis ao rural ourensán á comarca da Baixa Limia”, dixo. A secretaria provincial tamén abordou a Orde Xeral 25/2023 do 28 de decembro, sobre as Compañías e Postos territoriais da Garda Civil, “que prevé o peche de varios postos auxiliares, algúns de maneira inminente como o do Concello de Baltar, sendo este un concello fronteirizo con Portugal e que fai inexplicable este peche”.

Tamén abondou Sandra Quintas en que a metade dos Cuarteis da Garda Civil permanecen pechados e a outra metade da provincia de Ourense só terán atención ao público presencial das 9:00 ás 14:30 e fóra dese horario a prestación do servizo mantense mediante internet, por vía telefónica ou pola aplicación AlerCorps. “Algo totalmente incomprensible nunha provincia con poboación maior e cunha gran dispersión poboacional”, explicou .

Por último, tamén fixo referencia á intención de reestruturación do servizo do Seprona, “reunificándoo nas comandancias e retirándoo dos Cuarteis da provincia de maneira paulatina como xa se está efectuando en varias provincias de España e que recoñece en resposta parlamentaria o Ministerio do Interior”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, lembrou que “en febreiro alertamos desta situación acusáronos de electoralistas. Se nos desmantelan os servizos básicos, estannos privando dos nosos dereitos. Mentres no Goberno Central din defender o rural, vemos a demagoxia desas palabras”. Tamén detallou Yáñez que “polo carácter transfronteirizo do noso territorio, a Garda Civil sempre formou parte da historia de Lobios e non podemos renunciar a un servizo que é básico para os 72 núcleos de poboación do noso municipio e de toda a contorna da comarca”. 

Factores determinantes para demandar máis e mellor seguridade

A todo isto, Sandra Quintas detallou unha serie de factores de máxima importancia, e que son determinantes para que o PP demande máis e mellor seguridade para a provincia de Ourense. Así, explicou que segundo os recentes datos publicados polo Ministerio do Interior o ano 2023 pechou na provincia de Ourense cun aumento da criminalidade convencional do 7,7 %, pasando de 6.854 infraccións penais no ano 2022 a 7.379 no ano 2023; chamando especialmente a atención o aumento dos delitos contra a liberdade sexual que aumentaron un 11%, e os roubos con forza en domicilios un 18,7%. Producíndose o 60% de roubos con forza de toda a provincia no rural, do mesmo xeito que os delitos de carácter sexual que se producen o 58% nos concellos do rural ourensán (de 208, 122 no rural).

“Nin contamos cos axentes suficientes para protexer ás mulleres de Ourense e con pancartas só non se protexen, hai que poñer medios e entre eles darlles seguridade”, proclamou Quintas. Por exemplo, a 30 de marzo de 2024 hai 2.084 casos en Viogen e 1.883 vítimas na provincia de Ourense, e hai 11 Policías e 17 Gardas Civís en total para ocuparse da súa seguridade. É dicir, de media cada axente na súa quenda ten a protección de 200 mulleres.

Tamén analizando os datos de efectivos, dos 910 postos de Garda Civil no catálogo para a provincia de Ourense só se atopan ocupados 839. “É dicir, hai un déficit de 71 axentes na nosa provincia”, explicou Sandra Quintas. “O desmantelamento e baleirado dos cuarteis é tan notable que mentres os Cuarteis da Garda civil caen a cachos, o Goberno deixa sen executar na provincia de Ourense para obras en cuarteis con fondos europeos”, detallando que  No ano 2022 de 1.040.000 € non se executou nin un euro, mentres que no ano 2023, de 2.641.770 € executáronse 110.560 euros.

Acordo da moción

Por todo elo, o acordo da moción que o PP levará a todos os plenos municipais da provincia e da propia Deputación, ten os seguintes puntos para instar ao Goberno de España a:

  1. Apoiar e recoñecer o labor que realiza a Garda Civil, comprometéndose a manter a súa presencia en todos os Cuarteis da Garda Civil na provincia de Ourense, dotándoa de máis medios persoais e materiais.
  2. Colaborar cos Concellos da provincia de Ourense no mantemento da seguridade cidadá.
  3. Proceder á atención presencial dos ourensáns nos Cuarteis da provincia de Ourense as 24h do día.
  4. Paralizar urxentemente o traslado da Unidade de Fronteiras e Fiscal de Lobios.
  5. Non pechar ningún posto na provincia de Ourense.
  6. Reforzar de maneira urxente os Postos da Garda Civil en todas aquelas zonas que carecen de Policía Local.
  7. Ocupar as prazas totais que aparecen no catálogo de postos de traballo para a provincia de Ourense e que están libres na actualidade.
  8. Elaborar un plan de incentivo profesional e económico para que os axentes queiran ocupar os postos de baixa demanda no medio rural.
  9. Empregar urxentemente as vacantes de persoal en reserva sen destino, para dotar de máis axentes á provincia de Ourense.
0.19994521141052