O PP de Ourense pide actualizar o catastro co fin de simplificar os trámites á veciñanza

OurenseXa
O Grupo Popular denuncia a situación actual que sofre o catastro provincial onde un dos principais obstáculos é a falta de información sobre a titularidade de leiras
Grupo Provincial Popular de Ourense
15 Out 2024

O grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Ourense  levará ao vindeiro Pleno do mes de outubro, unha moción para instar ao Goberno de España a actualizar o catastro co fin de axilizar e simplificar os trámites á veciñanza ourensá.

O Grupo Popular denuncia a situación actual que sofre o catastro provincial onde un dos principais obstáculos é a falta de información sobre a titularidade de leiras, especialmente rústicas, xa que “unha de cada tres parcelas na nosa provincia non ten un propietario coñecido”, dixo Patricia Torres, unha problemática que se ve agravada pola lentitude nos trámites administrativos do catastro.

Esta falta de actualizacións está a lastrar, explicou a voceira popular, as notificacións de limpeza de fincas e, por tanto, o cumprimento da Lei de incendios que obriga aos concellos a que se notifica a limpeza desas fincas e dado que, na maioría dos casos non é posible, ten que ser o propio concello quen se faga cargo desa limpeza cos seus propios fondos, “asumindo competencias que nos corresponde por lei pero que non está dotado dun financiamento correcto para levalo a cabo da mellor maneira”, reivindicou Patricia Torres.

Esta situación tamén está a afectar ao proceso para cambiar a titularidade ou realizar un expediente de corrección de discrepancias, necesarios para corrixir a superficie dunha parcela, xa que na provincia de Ourense pode chegar a demorarse máis de seis meses de media. Este atraso afecta a operacións como compravendas, permutas, agrupacións, segregacións e inscricións no Rexistro da Propiedade, é última depende directamente dos datos do Catastro.

Por todo elo, desde o Grupo Popular propoñen que se poña en marcha unha liña de axudas para os concellos para a contratación de empresas topográficas para axudar á veciñanza a facer os trámites de titularidade das parcelas, así como implantar un sistema de rexistro unificado entre o Catastro e o Rexistro da Propiedade para reducir a duplicación de trámites e mellorar a súa xestión.

Así mesmo, propoñen que se leva a cabo xunto cos concellos e o Instituto Nacional de Estatística unha revisión para actualizar os números dos documentos de identidade, direccións fiscais e numeracións das parcelas para solucionar erros e poder notificar aos propietarios.

0.12724995613098